Coral Pardo: "Pasámolo pipa cos cativos. Son moitas horas e quedan boas anécdotas"

En Viveiro só conxugan o verbo xogar!

O Concello leva varios anos organizando os campamentos de día nos que máis dun centenar de rapaces e rapazas da localidade pasan as mañás. Xornadas de praia, acampadas nocturnas e excursións son algunhas das actividades.
Participantes da ludoteca de Viveiro facendo manualidades
photo_camera Participantes da ludoteca de Viveiro facendo manualidades

O SISTEMA EDUCATIVO español está programado dende un punto de vista mediterráneo que privilexia o verán fronte ao inverno e o sol contra a choiva. É por isto que se relacionan os sentimentos máis vitais e positivos co tempo despexado, a calor e a praia... aínda que non haxa nada máis vivo e natural que o ciclo das nubes ou as molladuras do verán nunha terra como A Mariña.

A maior parte da poboación decide seleccionar os seus días de libranza anual na temporada estival, mais non sempre é así. Ludotecas como a municipal de Viveiro permiten aos máis novos manterse en contacto cos seus iguais, ao mesmo tempo que realizan unha labor social importante para familias que non dispoñen do tempo suficiente para dedicar ás súas crianzas.

Coral Pardo Ríos (Viveiro, 1987) é a directora da Ludoteca de Viveiro por segundo ano, despois de acadar o posto nun concurso público. "Comezamos despois do Resurrection Fest", sinala Coral "para continuar coa movida aquí no pavillón". As dependencias do municipal instalado dentro do recinto do IES Vilar Ponte son as que este ano albergan aos 120 infantes que participan da ludoteca. "Outros anos eran máis pero estableceuse este número para poder ofrecer unha boa atención a tódolos presentes" subliña a directora ao tempo que di que "existe unha lista de espera de 60 rapaces, polo que tivemos que crear unhas normas co obxecto de que todos se poidan beneficiar da ludoteca". Esta regulamentación democrática e positiva consiste en que a persoa que teña tres faltas de asistencia queda excluída da escola de verán e entra unha nova da lista.

As portas do pavillón ábrense ás oito e media da mañá, coas súas cinco monitoras, pero os rapaces van chegando paseniñamente ata as dez e media. Entón realizan a primeira actividade, que adoita ser un xogo ou unha manualidade. "Temos tres grupos de idade, de 4 a 6, de 7 a 9 e de 10 a 12, cada cal realiza unha actividade acorde ao seu tempo", sinalan as monitoras. O resto da mañá discorre ata as dúas e media entre o xogo libre e unha pequena merenda matutina.

Ademais do pavillón, a ludoteca dispón para os seus xogos das canchas con canastras e porterías do instituto, ademais dos terreos de herba situados dentro do mesmo. Triunfan os xogos de pelota, pero as horas pasan rápido para os cativos e cativas simplemente falando ou correndo uns tras dos outros –pilla pilla– no que será patio de moitos deles en poucos anos.

Unha das actividades máis codiciadas pola rapazada é a dos días de praia. Con sol ou sen el, os máis pequenos saben aproveitar o que a terra lles da... e a praia de Covas non pode estar máis preto para eles. Outro dos eventos que non teñen pérdida entre os asistentes son as "noites de acampada" nas que montan tendas de campaña sobre o terreo descapotado do instituto. Contan historias e, con sorte, miran as estrelas e durmen algunhas horas.

Ourol contou tamén dun servizo de ocio infantil na que unha vintena de nenos realizaron actividades culturais e xogos


A directora da Ludoteca, Coral Pardo, sinala que "a visita ao parque acuático de Cerceda é un dos puntos fortes e reservarémolo como excursión para finais de agosto". Os pequenos de Viveiro deben estar contentos con estas propostas gratuítas que o Concello lles ofrece nestes meses de folganza para eles. "Abondo traballo é estar a correr todo o día", pensará algún...

OUROL. Os de Viveiro non son os únicos rapaces con servizo de ludoteca, a maioria dos concellos ofréceno. Outro exemplo é Ourol, que o ten en marcha durante o verán (acabouse o pasado venres).

As diferentes dependencias das que goza a localidade –piscina, pavillón deportivo, edificio multiusos, espazos naturais– albergan a máis dunha vintena de rapaces. A acampada nocturna e a excursión a Cerceda son dúas iniciativas que se repiten cada ano. Ademais, disfrutan de actividades deportivas, visitas de contacontos, elaboración dunha horta ecolóxica e de obradoiros artesanais, horas musicais de karaoke e coreografías, cociña creativa, sendeirismo, xogos acuáticos na piscina, e clases de breakdance e zumba para estar á moda dos ritmos máis contemporáneos.

O servizo préstase a través da empresa Eureka e está coordinado co servizo de conciliación familiar do Concello.

Comentarios