Sindicatos

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos. no seu artigo 23, declara, na mesma medida que as distintas constitucións democráticas, o dereito que teñen as persoas a se asociaren baixo a forma de sindicato, para a defensa dos seus intereses. Só un cínico podería cuestionar a necesidade imperiosa dos traballadores de crearen agrupacións para defenderen as súas condicións laborais e de vida. E se sempre estivo xustificada a indispensabilidade dos sindicatos, esta multíplicase no presente, coa deconstrución acelerada do Estado de benestar, pola irrupción do neoliberalismo globalizador e pola crecente desprotección social na que deixan á poboación as institucións políticas.

A batería de medidas neoliberais aquí aplicadas é de tal calibre que xa se está a producir un empobrecemento de amplas capas sociais polo aumento do desemprego, a redución de salarios, a precarización do traballo e o incremento dos prezos nos produtos máis básicos. Engadamos a maiores a privatización dos servizos educativos e sanitarios, e a supresión das axudas sociais. Polo contrario, nunha escandalosa asimetría, para a banca as axudas de diñeiro público son multimillonarias, as grandes empresas contan cunha fiscalidade máis débil que na Europa máis desenvolvida, e se facilita a fraude e a evasión de recursos aos paraísos fiscais. Para a mocidade o panorama non pode ser máis desolador e o futuro, máis incerto. O retroceso xeral das condicións de vida achéganos aos peores tempos do inicio da revolución industrial, afastándonos de maneira brusca da crenza consoladora no mito do progreso.

E se desde o ámbito da política, os partidos seguen no desconcerto e na banalidade das súas prácticas, sen se emanciparen do pensamento único, ollándose o embigo, sen reaxiren, mentres que a indignación cidadá se espalla e agrava cada día, os sindicatos con maior motivo deberían estar aí, como imprescindíbel contrapeso, explicando a alienación e apoiando á clase que os creou e nutre.

Por todo iso, o normal sería que en pouco tempo se produza unha grande mudanza política e sindical, co descenso drástico das organizacións que non queren canalizar a defensa dos intereses da maioría social, malia debérense a ela, e que porén actúan ás veces na súa contra. Refírome ao denominado partido socialdemócrata gobernante no Estado e ás dúas centrais sindicais maioritarias. En canto ás últimas, das que non se esperan cambios significativos, non é de extrañar a desafección que sofren de moitas das súas bases, por mor da súa incomprensíbel actitude ante os  duros reaxustes. Isto está levando ao rápido afortalamento de opcións sindicais máis reivindicativas e menos conciliadoras, como a da CIG na Galiza e da CGT, no resto do Estado, que patrocinan mobilizacións e a folga do 27 de xaneiro.

As prácticas difusas dos dous sindicatos até agora maioritarios só se explican pola existencia de burocracias sindicais parasitarias e insensíbeis, que viven das subvencións públicas, manteñen relacións estreitas coa banca, facendo negocios con seguros e cobrando por ERE realizado. Mesmo seica algún persoeiro estatal de CCOO sería dono dunha empresa que se adica a facer planos de pensións privadas. E é que tamén na orixe da desfeita neoliberal que se sofre sitúase desde a transición a falta de ética e o desleixo para evitala dalgúns pretendidos progres peninsulares.

Comentarios