Simplemente educación

A LONGA polémica suscitada pola materia de Educación para a Cidadanía tráeme á memoria unha anécdota por min vivida, hai xa ben anos, nun centro escolar cuxo nome non vén ao caso. Había piollos no colexio e enviamos unha circular aos pais advertíndollelo. achegabamos, asemade, unha serie de consellos prácticos para erradicar tan molesta praga. Foron estes os que espertaron a ira dun pai que, de contado, veu chamarnos a atención. Polo visto dicirlles como  debían actuar era tratalos de  ignorantes. Os seus argumentos foron doados de rebater: Se todos sabían o que tiñan que facer, por que había piollos?

Algo semellante acontece agora. Moitos consideran que  a Educación para a Cidadanía é algo sobrante. Eu chamaríaa simplemente educación ou, aínda que soe anticuado, urbanidade. Ben sei que esta se adquire, en primeiro lugar, na familia. Como todos os valores e actitudes, ten moito de aprendizaxe vicaria, é dicir, adquírese  por observación e imitación. Mais, por desgraza, a miúdo os modelos familiares e sociais non contribúen moito á causa.

Cando digo urbanidade non me refiro en exclusiva ás boas maneiras. A Educación para a Cidadanía vai máis alá. Non é só  un conxunto de normas externas para facer máis agradábel o trato das persoas que as practican, aínda  que tamén. Téntase  crear unha moral autónoma, acorde cunha serie de principios universais, compatíbeis con calquera crenza ou relixión.

A quen pode molestar que se promova o respecto á identidade propia e á allea? Que hai de malo en ensinar a dialogar e resolver conflitos deste xeito? Non é bo practicar formas de convivencia baseadas na participación, cooperación e rexeitamento da violencia e dos prexuízos? É ou non é plural a sociedade? Daquela, non hai que defender a igualdade de dereitos e  oportunidades de todas as persoas e rexeitar as discriminacións por razóns de sexo, relixión ou orixe? Pódese seguir a manter a desigualdade entre homes e mulleres? Non é preciso coñecer os principios que fundamentan as sociedades democráticas? Non é conveniente que se coñezan, valoren e asuman positivamente os dereitos e obrigas derivados da Declaración Universal dos  Dereitos Humanos, a Constitución Española e os respectivos Estatutos de Autonomía? Quen pode estar en contra de todo isto?

Abonda con ler os xornais ou ver os informativos da tv para saber que hai piollos. Logo, os principios hixiénicos non están á orde do día. Cómpre non deixalos como simples contidos transversais, tal como se viña facendo, polo menos na teoría, e darlles o espazo que precisan.

Verdade é que algúns libros de texto, en troques de ensinar a respectar a diferenza, semellan facer proselitismo dela en aras da non discriminación. Iso é un erro. Obxéctese contra eles, mais non contra unha disciplina non só necesaria, senón imprescindíbel.

Comentarios