Simpatía por el mejillón

Un mexillón cumprido.
photo_camera Un mexillón cumprido.

AS MIÑAS FONTES favoritas son a que ocupa a praza do Campo, en Lugo, e as fontes de mexillóns. Aínda a pasada fin de semana apareceu un quilo de mexillóns grandes e negros coma as unllas dos mamuts para unha cea. Acabaron nunha fonte de Sargadelos que ten varios anos máis ca min. Quítoa do fondo do armario cando percibo que o xantar require solemnidade. Esa fonte lávase coa frecuencia e a dedicación de estropallo requerida, pero transfírelle unha capacidade abraiante para potenciar os sabores e os aromas.

Son pouco partidario de comer con viño porque as mesturas desconcentran as miñas papilas gustativas, pero sabía que na neveira me agardaba un albariño rogando que o quitase dar unha volta.

A miña santa tivo a ben cocerme os mexillóns ao seu xeito, con sal, zume de limón e boliñas de pementa negra. Máis nada precisan. Envorquei a pota sobre a cerámica do señor Ibáñez. Diante de tanta felicidade, non puiden máis que prender as luces todas da cociña e chamar pola miña cativa para que axuliase cunha cámara fotográfica que detivese o paso destrutivo do tempo. A rapaza suspirou a súa incomprensión, pero tirou a foto.

Depois, virei as luces a tibias. Os mexillóns son bastante deformes, con eses pregues e pelos. Porén teñen un modo moi espectacular de amosarse, abrindo levemente as cunchas negras para que nos asomemos ao seu interior e descubramos o seu laranxa, propio do atardecer sobre o mar de Rinlo.

Hai moitas fórmulas de cociñar os mexillóns, todas máis complexas e todas máis estragadoras ca un fervor. Nos anos 70 e 80 triunfaron os famosos ‘tigres’, que asolagaban a carne a base de tomate Solís e pementón.

Os nosos cociñeiros -a miña muller, tamén- saben que o importante é o punto de cocción. A última vez que xantei no Paprika lugués de Álvaro Villasante foi colocando e sacando de diante de min un marabilloso desfile de pescados. Eu, como son imprudente, pedinlle que me explicase cada prato. El, como é educado, recitou os ingredentes e os procesos aos que os someteron, a pesar de ter moitos outros comensais que atender. Ao rematar, recrimineime tanta inquisición porque o único ao que realmente atendín era ao nivel de cocción do peixe para comprobar se ceibaba os seus atractivos. Todo o que o rodea no prato son regalías e divertimentos que serven para distraer o padal. E ben que se agradecen.

Comentarios