Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Silencios

EN TODAS as antoloxías de frases célebres, en calquera colectánea de citas ao uso e mesmo no reverso das follas dos almanaques de taco aparecen infinidade de pensamentos, aforismos, sentenzas e refráns populares referidos á utilidade que, sobre todo en certas ocasións, pode producir a actitude pouco arriscada de manter a boca ben pecha. Tertulianos, conferenciantes, filósofos de café, xentes das artes, do deporte ou das finanzas, ademais dos encargados de dirixir os ensaios para as comparecencias dos políticos, son, probablemente, quen máis veces botan man delas e as aproveitan en beneficio propio -por máis que sexan tamén eles quen menos caso acaban por lles facer- e así sabemos que sempre haberá alguén que na primeira oportunidade que se lle presente para poder dicir algo que soe tallante e supostamente erudito, deixarache caer, como quen acaba de dar cunha rota nova para chegar ás Indias: «Si, si, pero como dicía don Quijote: Al buen callar llaman Sancho» e quedar despois agardando polo efecto que a cita produce no auditorio.

Aínda que ningún dos presentes teña a menor idea -como a min me pasa- do significado real de tan socorrido dito, non se tardará nada en escoitar voces de asentimento e alusións a Plutarco, Montesquieu, Unamuno ou a tía Venancia que, de acordo coa orientación propia de cada quen e, sobre todo, dos compromisos adquiridos antes de acudir a semellante foro, serán interpretadas dun xeito ou outro segundo se lle apliquen a este ou a aquel persoeiro, como tivemos ocasión de comprobar a raíz da actitude de desconcerto coa que o señor presidente do Goberno reaccionou este martes pasado á presenza dos moitos xornalistas que agardaban a súa saída do Senado. Desde os que fixeron aparatosa loanza das supostas virtudes do silencio até os que a consideraron unha fuxida sen xeito, nada propia de quen decidiu, voluntariamente, responsabilizarse de tan importante cargo e pasando por aqueles que a levaron polo camiño do humor, máis ou menos cáustico, de todo houbo e de todo se falou. Certo é que o señor Rajoy leva xa moito tempo utilizando como táctica -se é que o é- o mantemento dun mutismo, por veces desconcertante, co que se veu aviando pero que, despois do que pasou estoutro día, pode levarnos a pensar que se cadra en ocasións é debido á mesma falla de recursos que alí demostrou.

«De tanto calar xa falo eu solo» di Novoneyra nun dos seus poemas dun único verso, e o lector entende así das limitacións dun silencio excesivo. Se non resulta obrigado, calar a boca pode ser tamén un intento de ocultar verdades fóra do que poida ter de demostración de descoñecemento e por iso, polo menos para os que somos xentes do común, sería moito máis de agradecer un sincero: «Desculpen, pero agora mesmo non estou en condicións de contestar porque tampouco eu non sei moi ben o que debo dicir...».

Silencios
Comentarios