Silencio, rodando

A PRESENTACIÓN DE 'Gatsby' no festival de Cannes ven de espertar ruído nos medios, especialmente porque, un tras outro, os críticos están a destrozar a reputación desta adaptación da novela de Scott Fitzgerald. A obra é unha das grandes da literatura e o tema ten o suficiente atractivo para os estadounidenses como para levala á pantalla outra vez, despois dunha exitosa versión da que todos lembramos a Robert Redford e Mia Farrow. Conta a historia de un rapaz humilde con enormes desexos de converterse nun triunfador. No seu caso o soño americano toma un atallo e Gatsby atopa un diñeiro fácil no contrabando. O resto é previsible: exhibición dun luxo pecaminoso e narración da caída moral do heroe. Máis non quería falar agora de películas nin novelas.

Os que non pensen ir ao cine ou ler a obra de Fitzgerald, poden atopar a Gatsby en calquera rúa ou nunha páxina dun xornal. Porque nos últimos tempos, en calquera aldea, barrio ou urbanización deste país, foron xurdindo estes homes movidos por unha grande ambición e a ansia de que os demais envexaran a súa fortuna. Ningunha riqueza material abondaba para dar testemuño do éxito de negocios lícitos ou ilícitos. Non abondaba con conducir un exclusivo Bentley, Porsche ou Ferrari; mellor un de cada, unha escudaría as portas da casa. A extravagancia era a marca de distinción de aqueles homes humildes que, tal vez, un día chuvioso de inverno e malamente comidos, soñaran con champán e diamantes e aquela rapaza loira que nunca casaría cun esfarrapado.

A burbulla na que estivemos a vivir, a mesma que desbotou aos honrados e os esforzados, tamén aos que tiñan auténtico talento; foi un caldo de cultivo óptimo para que calquera paleto con tarxeta Visa viñera a ser un dandi. E abofé que os auténticos señoritos se foron arrimando a eles. Era pola chamada irresistible do caviar, como o sangue convoca ás feras na selva. Pero en toda festa chega o momento en que a orquestra deixa de tocar; os convidados decátanse de que perderan a compostura e marchan as presas. Despois do balbordo o anfitrión queda en silencio ante unha inevitable sensación de soidade, entre canapés sobados e rancios. Unhas luces ao lonxe anticipan o ouveo das patrullas de policía; fin da festa. Comeza a película.

Comentarios