Signos outravolta

Dicía o outro día que debía someterme a un novo aprendizado de lingua de signos. Sen ir ao estudo de técnicas de linguaxe corporal ou das elaboradísimas da arte teatral, si é certo que cada vez é mais importante a comunicación non verbal e/ou non escrita con palabras. Empecemos polas prendas de vestir. Tes que facer un cursiño de símbolos para entender o tratamento da prenda antes de sometela a unha limpeza ben en seco, ben en mollado.Normalmente hai 5 signos. Vaian, vaian ‘lendo’, que eu xa o fixen hai moito tempo, previo estudo.Se non tes este coñecemento o probábel é que ti mesma estragues a prenda, e, o mal uso da mesma, está fora da garantía

Sigamos polos signos usados nos produtos de limpeza doméstica: se hai unha caveira atravesada por dous fémures non quere dicer que se anticiparan á iconografía ‘gungre’, senón que contén algunha substancia velenosa e mesmo mortal se é inxerida: prudencia extrema no seu uso.

E os signos dos aparatos eléctricos de uso doméstico? Só direi que nin lle fas caso e ao final sabes como se acenden e como se apagan os interruptores que normalmente levan as palabras ‘on’ e ‘off’. E xa está. Se ten un ‘e’ encerrado nun círculo ou un ‘n’ tamén rodeado por un outro círculo, non lle fas caso… e así outros moitos. A verdade que non creo que mude a calidade do secado do pelo por non coñecer o significado dos devanditos signos. Así mesmo é case seguro que a utilización da lavadora, do lavalouzas ou da secadora da roupa non mellore moito por dedicarlle o tempo preciso a memorizar o significado das iconas que identifican programas que nunca usas ou que, sendo tan complicados, empeoran a produtividade doméstica en lugar de aliviala.

O verdadeiro problema comeza cando a lingua de signos con elementos corporais distintos do uso da palabra fai de ti vítima da inxenuidade expresiva. Por exemplo, vas conducindo

e, un/unha condutora fai unha manobra perigosa para ti, logras librar por pouco e tocas o claxón como sinal de aviso. A resposta normal, que non é boa nen de boa educación, é que o/a atinxido saque pola ventaíña do seu vehículo o antebrazo co dedo medio estiradiño. Creo que significa algo así como ‘parvo o último’ e toda a ringleira de expresións asociadas ao desexo de fastío para o máis próximo. Esta actitude é realmente a ter en conta porque quere dicer que non é relevante o regulamentado nas normas de tráfico senón que por riba e por fóra delas hai que ser listo e apuradamente tirar beneficio do respecto dos parvos pola condución axustada a normas. Se levamos este hábito de conduta verbo das normas fiscais, non sei por que causa tanto asombro que personaxes do público escenario eludan cumprir coas súas obrigas. Existe un consenso social verbo da listura superior que se manifesta en burlarse das leis e dos que as respectan.

Comentarios