Será por iso polo que algúns non se indignan

AÍNDA hai millóns de persoas que non entenden a indignación doutros millóns. Será porque non vai con eles o sufrimento. Será porque continúan vivindo igual que hai un lustro. Será porque teñen casa, que non lla quitaron porque se lles torcera o rumbo. Será que seguen con traballo e cobrando o mesmo que antes ou máis. Será que non se fiaron de quen lles aconsellou deixar os aforros nun produto de tanto risco que ao final se quedan en nada. Será que seguen residindo na súa atalaia alonxados da realidade que os rodea, como se non houbera nada que cambiar neste mundo. Será que non comprenden a desesperación de verse no ocaso dos seus días privados de todo polo que pelexaron durante a vida. Será que son deputados que seguen mantendo os seus privilexios, pero non sofren a pesar de que non só non solucionaron os problemas para os que foron elixidos, senón que os agravaron. Será iso.

Comentarios