Separarse ou aguantar sen cariño?

NON me quero separar, pero a miña parella fixo ademán de romper a relación, aínda que coa intención de manter a amizade e a boa veciñanza. E iso que non teriamos por que seguir véndonos, ao non ter fillos que nos vinculen. Eu desexo que nada cambie, aínda que non estou namorado dela, incluso algunhas veces menosprézoa en público, e tamén a subestimo en moito do que fai. E iso é recíproco. Quero continuar coa convivencia quizais por costume, porque nos séculos de unión soubemos superar diferencias, e cando non había consenso eu impoñía a forza, que teño máis ca ela. Economicamente tamén me interesa, porque ela hai veces que gaña máis, pero non pode administrar case nada sen o meu consentimento. Algúns, que saben dos nosos problemas, non entenden como seguimos xuntos, pero outros cren que a pesar de perder o cariño debemos aguantar.

Vós, que fariades? Que deben facer Cataluña e España?

Comentarios