La señora de la guadaña y las demás

De perfil, o artista monfortino Roberto González, ante a súa propia obra e a de Montse Rego. (Foto: Pepe Álvez)
photo_camera De perfil, o artista monfortino Roberto González, ante a súa propia obra e a de Montse Rego. (Foto: Pepe Álvez)

A morte ten tirón ou, cando menos, os lugueses responderon onte á chamada da parca, da señora da gadaña, da dama branca, da bicha... todas elas protagonistas da exposición ‘73x73x273. A irmá do soño’, que foi inaugurada onte na capela de Santa María. Non houbo laios nin renxer de dentes, senón expectación ante a obra de autores como Antón Lamazares, Mónica Alonso, Roberto González, Ramón Conde ou Ignacio Pardo.

‘A irmá do soño’, mostra nacida da colaboración entre a Universidade de Santiago e o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo, é pintura, escultura e fotografía, pero tamén é videocreación, collage dixital e instalación, nunha escolma de distintas técnicas.

Contou onte Fátima Otero, comisaria da exposición, que a idea inicial non foi outra que a de «poner luz a la muerte, que en el siglo XX y XXI ha pasado a convertirse en tabú».

A escolla dos 27 artistas que expoñen as súas obras en Santa María vai desde autores que abordan os rituais de sangue e poder a outros que se achegan ao fenómeno dun xeito «más soslayado», dixo Fátima Otero.

Esta comisaria, que compartiu tarefa con Cristina Carballedo, subliñou que se trata dunhas visións sobre o fatal desenlace que ofrecen un resultado «nada macabro» e que compoñen unha mostra «inédita» en Galicia, que iniciu andadura o día da Candelaria en Santiago e que chega «a la ciudad del Sacramento en pleno tiempo de Cuaresma, que es el de la reflexión sobre la muerte». Citou, antes de rematar a Heidegger: «Vivir mata, pero, mientras tanto, vivamos la vida».

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, Pedro García Herradón, coincidiron en que é en tempos difíciles como os actuais cando as institucións deben darlle un pulo ás actividades culturais.

Asistiron, asemade, á inauguración de Santa María, algúns dos artistas cuxas obras forman parte de ‘73x73x273’, como Ramón Conde, Roberto González, Paco Pestana, Christian Villamide, Fernando Yáñez ou Montse Rego.

Más en Noticias
Comentarios