Sen xornalismo non hai democracia

VAI, MIRA e conta a verdade. Velaí a sinxela fórmula do gran reporteiro Ryszard Kapuscinski, premio Príncipe de Asturias. Claro que esta ecuación vai quedando sen variables. Porque como unha gota malaia caen os medios críticos co poder, CNN+, Xornal de Galicia, Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe. Agora pecha Público, poñendo en evidencia que o imprescindible pluralismo informativo é cada vez menos plural. A crise e cambios no ecosistema informativo (Facebook, Twitter, Youtube…) poñen a moitos medios de pago en perigo de extinción.

Semella que imos cara a unha sociedade sen xornalistas. Nestes anos da crise, desde 2008, case 5.000 foron ao paro e pecharon uns 30 medios de prensa, radio e televisión. O xornalismo de calidade é caro, como caro é ter voz propia e independente do poder. Cando lle preguntaron á presidenta do Brasil Dilma Rousseff polas críticas tan incisivas dos xornalistas, declarou que prefería o ruído dos periódicos ao silencio das ditaduras. Os enviados especiais, medios que contrasten as noticias, equipos de investigación, son máis custosos que xornaleiros de corta e pega nas redaccións de medios con financiemento encuberto.

Unha sociedade democrática, culta e informada necesita medios serios e plurais. Uns medios febles, con perdas, coa espada de Damocles do peche enriba e bolseiros agobiados cobrando propina por artigo, dan como resultado unha democracia adurmiñada, dependente do poder político e do diñeiro. Xusto cando precisamos xornalistas fiables e comprometidos que demostren que son necesarios.

E mentres, as facultades de xornalismo forman a centos de rapaces ilusionados por ir, mirar e contar a verdade co ordenador, co micrófono, coa cámara da televisión. Custe o que custe, que ás veces, como estes días no barrio de Bab Amro, na martirizada cidade siria de Homs, están a pagar o prezo excesivo da propia vida para informar ao mundo do que está a facer un criminal de guerra, chamado Bashar Al-Assad, ditador herdeiro de ditador.

O problema é cando miles de xornalistas xa non teñen ningún sitio onde ir, nada que mirar, cando non hai outra cousa que contar que a verdade oficial dos comunicados de prensa de empresas e gobernos. Ademais a sobreinformación asfixia, oculta as noticias necesarias. De seguir así, pronto non haberá verdade que contar. Iso si, desaparecido o cuarto poder que controle excesos, saque á luz miserias, desvele corruptelas e abusos, vele polos dereitos dos que non teñen dereitos e dea voz aos enmudecidos polo medo, o poder encherá aos analfabetos de dogmas mentireiros. Teremos si, unha sociedade muda, coa felicidade dos bobos, cheos de medos a vivir en liberdade. Porque sen xornalismo non hai democracia.

Comentarios