Sen novidade nas Tabernas

O Aninovo non vai traer sorpresas na rúa das Tabernas da Coruña, vai traer a Ferrín como presidente da RAG a mediados de xaneiro. O escritor postulouse por carta e os integrantes do noso sistema cultural asinaron o acuse de recibo cun entusiasmo unánime. Nas bancadas da oposición fica Alonso Montero, e fóra, o reintegracionismo, que, por outra banda, estrea academia de seu.

A Xunta xa enviou recado de que prefire outro candidato, mesmo San Caetano citou nomes de ‘galácticos’, como Freixanes —que se fixo a un lado— ou Díaz Fierros, pero académicos, editores, escritores e críticos teñen claras as súas seis letras. Desta volta, o candidato semella idóneo, mesmo para os que non sentimos a máis mínima motivación pola súa obra. Non como cando se lle propón para o Nobel sen ter proxección fóra do país. Ferrín, logo. O meu temor agora non é que o ourensán vaia promover un Día das Letras para Moncho Reboiras co lema ‘A Loita Continúa’, estou certo de que discernirá nidiamente as xuntanzas do comité central da FPG dos plenos da RAG. A lea é a xestión, meterse na zanxa para mirar por onde debe ir a tubería, e iso vaille ser novidade.

Eu baixeime da Guía Campsa os lugares que terá que percorrer nestes catro anos e me saíron unha vixilancia constante das decisións gubernativas a respecto da lingua, completar a renovación do diccionario, reformar o Día das Letras para que se dedique a autores vivos e deixe de ser festivo, unha mellora radical no eido informático, o diálogo co vigoroso reintegracionismo e, sobre todo, que a xente non mire a institución como se fose unha tenda con follas de bacallao penduradas.

Comentarios