Sen final de cine francés

O meu amigo Manel asegura que o cinema francés responde a unha estrutura ríxida: "89 minutos falando de sexo para practicalo no 90". Os galos gustan de falar, que para iso procuraron que o idioma soase ben e encumiaron a Edith Piaf porque ninguén dicía o ‘r’ tan marcadamente coma ela. Os franceses gustan de debatir as ideas, que para iso teñen a mellor xeración de pensadores da Europa actual (Lévy, Morin, Debray,...). Andan agora debatindo sobre Céline, o monarca absoluto do coloquialismo e autor da novela con máis signos de interrogación e exclamacións da historia, 'Normance'.

A sociedade francesa sabe que se cumpre medio século do seu pasamento, pero ten atragoado na gorxa o seu odio explícito polos xudeus ('Bagatelas para una masacre') e a súa colaboración ilusionada coa ocupación nazi. Daquela Piaf axudaba a escapar os membros da Resistencia e cantaba 'Tu est partout', cunha letra sobre un amante traidor que os parisinos oprimidos por Vichy comprendían como metáfora.

O ministro de Cultura, Fréderic Miterrand, suspendeu o mes pasado a homenaxe oficial tras escoitar a reclamación do cazanazis Serge Karsfeld e ignorando opinións como a do experto en Céline, Henri Godard, quen lembra 'Viaxe ao fin da noite' como unha denuncia salvaxe do colonialismo ou a propia 'Normance', como a crónica arrepiante dunha noite de bombardeo sobre París. Lévy pide que se lle lembre para visualizar "a monstrosa relación entre xenio e infamia". "A moralidade da humanidade éme indiferente; como a todo o mundo, por certo", recoñeceu Céline. A súa película non parece que vaia ter un cambio de ritmo contra o final.

Comentarios