Sin dios

ADE3006P14F2.JPG
photo_camera ADE3006P14F2.JPG

EU SON ATEO. Non é algo que un vai contando cando lle presentan alguén novo e podería quedar estrictamente na esfera do íntimo. Pero sucede que as relixións están empeñadas en facer da fe unha cuestión pública de xeito belixerante, o cal enfada a moitos laicos, agnósticos, ateos e supoño que ata aos deístas, aínda que eu non coñeza ningún.

'La edad de la nada', de Peter Watson Os ateos estamos discriminados e mal vistos, pero non nos importa demasiado porque entra dentro do que se agarda cando un é heterodoxo. Pensarán vostedes que esaxero, pero unha enquisa realizada por Gallup en Estados Unidos en 1999 e recollida por Richard Dawkins en ‘The God Delusion’ desvelaba que só un 49% de persoas votaría por un político ben preparado que se declarase ateo namentres un 79% faríao sen dubidar por un que se declarase homosexual -como de feito sucedeu-. Por fortuna a situación mellorou para o colectivo LGTB dende principios de milenio, mais non moito para os descridos. De feito, e contra a percepción habitual e eurocéntrica, é constatábel que se está a producir unha época de agromar relixioso en todo o mundo, con desastrosas consecuencias cabería engadir.

O ‘herem’ que se ergue contra o ateísmo pódese apreciar mesmo en parvadas literarias, coma o título en inglés da última obra de Peter Watson, que vén de sacar do prelo a editorial Crítica. Saíu en febreiro deste mesmo ano en lingua inglesa. No Reino Unido cun título, que é o volcado ao español, ‘La edad de la nada’. En Estados Unidos con outro, o máis axeitado e ousarei dicir que o que o autor tería preferido: ‘The Age of Atheists’ ou ‘A idade dos ateos’. Moito máis claro e cunha diferencia intelectual clara: un ateo non é un nihilista. En moitos casos, por exemplo, somos «simples» materialistas.

É a primeira vez que Peter Watson aparece citado como autor nesta columna se mal non lembro, algo casual se temos en conta que, despois do pasamento de Jacques Barzun, estamos ante o meirande historiador da cultura vivo. Tres das súas obras (‘Historia intelectual do século XX’, ‘Ideas’ e ‘O xenio alemán’) cóntanse entre os mellores libros da década e media de século que levamos. Na súa última obra abandona en boa medida a ciencia, base narrativa dos seus libros, e mergúllase noutras disciplinas ou correntes desatendidas nas outras obras citadas: danza, psicoloxía, contracultura ou historia das relixións. O cambio ten efectos para o lector, xa que a prosa do autor é menos fluída ca noutras ocasións e hai pasaxes que resultan abstrusas ou difíciles de seguir se non se ten unha formación fonda nesas materias.

Non obstante, paga a pena o esforzo pola obra. Co punto de partida en Nietzsche e a súa declaración sobre a «morte de Deus», Watson amosa a evolución do mundo das crenzas e os valores, o camiño seguido por centos de persoeiros para encher o baleiro deixado polo deus desaparecido, en moitas ocasións con outras ideas relixiosas ou santificadas, o que non deixa de resultar irónico como se encargan de lembrarme decote os amigos que son escépticos co meu escepticismo. E fai isto cunha erudición formidábel e unha documentación asombrosa. De feito, os seus libros foron unha guía bibliográfica perfecta para min no pasado. Non sucede o mesmo con este, xa que non hai apartado específico nin tampouco mencións do autor nos paratextos alén das notas a pé.

Boa literatura, erudición, documentación... Son virtudes importantes e están complementadas pola posición do autor. Como dixen ao principio, os ateos tendemos a enfurecernos con facilidade no debate intelectual (algo lóxico: tamén se mosquearían os zoólogos se se adicasen grandes esforzos de todo tipo á demostración da existencia dos unicornios). E son de agradecer posturas máis descritivas e menos contundentes, baseadas máis na historia e menos na polémica pola que optan os Dawkins ou Hitchens. Todos os públicos, os crentes tamén, poden achegarse a Watson e ver o mundo dende a outra ribeira.

La edad de la nada
Peter Watson

Editorial Crítica

Páxinas 840 Prezo 29,90 €

(Publicado na edición impresa o 22 de noviembre de 2014)

Comentarios