Sempre Penélope

É obrigado que recorde a Penélope, a muller que tecía polo día e destecía pola noite, nesta véspera da celebración das Letras Galegas en que rendemos homenaxe ao autor de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro, que se serviu deste mito para personificar a Galiza que non desiste, malia todo, na súa loita.

Os alumnos e alumnas do IES de Guitiriz, os mesmos que acudiron o ano pasado á Real Academia da Lingua Galega portando un vídeo, ‘A lus do mundo ’, e un pedimento, a dedicatoria desta efeméride no 2014 ao persoeiro que dá nome ao seu centro de ensino, tamén malia todo, persistirán no amor á lingua, á terra, á beleza e á palabra de noso, como aprenderon lendo, cantando, pintando e dramatizando os poemas de ‘Nimbos’ e a vida e circunstancias históricas e persoais do ilustre veciño. Porque todo o curso foi tecer por parte de profesorado e alumnado, a estirar a madeixa do tempo e os poucos medios que conseguiron recadar. De destecer xa se ocuparon outros.

A que vén este ‘malia todo’ repetido? Ao desprezo por este labor do que se senten vítimas, de parte da Xunta, que elixiu para o seu acto institucional unha dependencia do Colexio de Infantil e Primaria, sen outra explicación que o «ordeno e mando», cunha patente prepotencia e falta de sensibilidade. Na súa balanza non pesan nin a maior capacidade das instalacións, nin o nome, nin os pasos dados para chegar aquí.

E convén que fique claro que isto non ten nada a ver coas relacións -coido que óptimas- entre un e outro centro. Tamén teño constancia do agarimo que puxeron, igual que o centro de Parga, o terceiro de Guitiriz, na transmisión da obra de Díaz Castro. Mesmo nun acto conxunto celebrado este mércores no mercado, o CEIP de Lagostelle tivo a xentileza de agasallar aos outros cunha edición de ‘Nimbos ‘, ilustrada e manuscrita polas nenas e nenos.

Contrasta a actitude dos que só acoden a se retratar co entusiasmo e o traballo desinteresado dos que citamos antes, así como a entrega de Alfonso Blanco Torrado, o crego de Xermolos, principal depositario da memoria do escritor, o acerto de Cristina de la Torre, realizadora dos vídeos, a dedicación de Sandra Tenreiro a musicar poemas ou as colaboracións de Cultura e Centro de Artesanía da Deputación.

Todo isto tamén é unha lección de vida. Desde ela entenderá mellor a xente nova o que significan as palabras «esta sede de xustiza que nos queima» incluídas no poema ‘O verme e a estrela’ de Nimbos. Mais entenderán tamén que esa xustiza endexamais se pode reclamar desde a violencia porque, como dixo así mesmo o noso poeta, «a espranza do mundo é o amor». Que veña ese reino: o do amor, a xustiza e a poesía.

Comentarios