lunes. 01.06.2020 |
El tiempo
lunes. 01.06.2020
El tiempo

Sempre negativo

A recomendación desta semana ven da man de Editorial Debate, 'La revolución Rusa' Richard Pipes

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

OS QUE SOMOS da miña quinta temos a expresión «Sempre negativo, nunca positifo» gravada grazas a certo adestrador do Barcelona dos anos 90. Condensa á perfección unha certa posición destrutiva ante os acontecementos e o mesmo pode aplicarse ao deporte cá vida en xeral ou a historia.

Lembreina cando baixaba cara o Parque de Cervantes, Camp Nou ao fondo, con ‘La Revolución Rusa’ de Richard Pipes —publica Editorial Debate coa súa tradicional calidade— baixo o brazo. En todo historiador ten que haber alomenos unha pretensión de obxectividade, malia que xa Tucídides deixou claro que non existe a ecuanimidade total. Durante anos a historiografía comunista dominou o relato dos acontecementos que tiveron lugar en Rusia despois de 1905 cunha perspectiva completamente desviada. Chegados os anos 90 había unha necesidade de equilibrar o asunto e apareceu Pipes —un polaco facendo historia rusa, xa non comezábamos ben— coa súa historia monumental para dar un xiro copernicano á visión da Revolución Rusa.

Non foi un bo momento dende o punto de vista técnico: os historiadores occidentais ou rusos con ánimo crítico non tiñan acceso aínda aos arquivos do réxime soviético e a cada paso que dá o narrador atopa atrancos que dez anos despois terían sido moito máis sinxelos de resolver. A obra é un clásico, por suposto, pero perviviría máis se Pipes tivese feito unha edición revisada a fondo.

Por que non houbo unha reescritura e non podemos agardala? (Pipes anda nos 96 anos e a súa saúde non lle permitirá tal empresa). Na miña opinión —e na doutros críticos— porque non favorecería o obxectivo final da obra, que non é outro que desacreditar por completo a visión tradicional da chegada ao poder dos bolcheviques, a que vén dicir que na autocracia rusa era un réxime lamentábel condenado a desaparecer ante as convulsións da época e que os comunistas chegaron ao poder baixo un principios teóricos revolucionarios denantes de caer nunha terríbel ditadura.

É bastante probábel que Pipes teña razón no fondo da cuestión: o goberno leninista foi só o prólogo do baño de sangue estalinista. E testemuñas da época como Witte ou Pleve avanzaron o que ía ser o goberno dos radicais da ‘intelligentsia’. Pero a historia non debe coñecer atallos e el úsaos: deforma ata a caricatura figuras como as de Lenin e Trotski, é indulxente con Nicolas II e obvia calquera testemuño que poda presentar visións alternativas ás súas. Por exemplo é firme defensor da teoría que presenta a Lenin como un axente alemán, o que non resulta máis ca unha interpretación nesgada dos intereses comúns do kaiser Guillermo e o revolucionario.

Por outra banda, e como noutros autores conservadores caso de Paul Johnson, obsérvase un uso «curioso» da bibliografía. O recurso a fontes primarias é imprescindíbel para o historiador, pero sempre hai que lembrar que, en refrán oportuno, cada un fala da feira como lle vai nela. A fonte primaria debe contrastarse con outras, con documentos e análises posteriores... e Pipes de novo prefire apartarse do camiño correcto.

Chegados a este punto pensarán vostedes que non paga a pena ler a obra. Nada máis lonxe da realidade. Richard Pipes é un narrador excelente, a súa tarefa investigadora paga a pena a pesares dos defectos e ‘La Revolución Rusa’ converteuse nun clásico de xeito ben xustificado. Matino que nos vindeiros meses seguirán a chover obras sobre o acontecemento e os seus protagonistas: en español probabelmente ningunha acadará a altura desta.

Sempre negativo
Comentarios