En Cervo sempre gaña o ben na batalla da queimada

Airiños do Xunco repartiu máis de mil litros da bebida tras a espectacular representación do pobo contra as meigas

DEFINÍAN NA praza de Cervo a queimada como un "marabilloso elixir que alonga a vida indefinidamente e alonxa as meigas do camiño para gozar dunha vida feliz". Certo ou non, o caso é que litros e litros da bebida espirituosa corrían para encher unha e outra vez as cuncas dos asistentes á 38ª edición da Queimada Popular de Cervo, que a organización a cargo da asociación Airiños do Xunco califica de éxito tendo en conta a forte competencia de festas nos arredores.

Repartiron máis de mil litros e venderon unhas 2.700 cuncas conmemorativas, segundo conta o presidente do colectivo, Rafael Blas. "Estamos moi contentos porque todo saíu moi ben e tanto a representación da Queimada como as actuacións posteriores foron brillantes", ata o punto de que case era día cando rematou a xolda.

O acto máis concorrido foi a representación da Queimada, na que participaron unhas 70 persoas coa axuda do pobo cervense. "Foi mellor do esperado", comenta un dos seus directores, Aleixo Martínez, quen recoñece que traballaron duro no último mes para preparar o guión, os bailes e demais complementos da espectacular batalla do ben contra o mal, que é cada ano diferente pero na que sempre gaña o primeiro.

Este ano a representación comezaba cunha festa en Cervo na que un grupo de rapaces ía ao camiño real facer unha invocación que máis tarde tivo consecuencias, xa que os seres do averno volverían por un deles. Porén, o mozo apoiouse na xente do pobo para buscar guerreiros e na batalla definitiva, cando parece que vai gañar o mal, aparece o Bruxo, morren todas as meigas e triunfa o ben. O espectáculo remata coa queima do espantallo e o conxuro da queimada a cargo do Bruxo, que despois tivo que facerse fotos con moitos asistentes. Os fogos de artificio pecharon unha peza que este ano estivo dedicada á nena que o ano pasado se queimou nesta festa.

Coa alegría da queimada e moitas ganas de pasalo ben, os asistentes asistiron despois aos concertos da irreverente Banda da Balbina e de Festicultores Troupe. Pechou a velada o dúo Diamante.

Comentarios