A semente de Einstein

A paixón pola Física Teórica levou a tres lucenses a obter un posto destacado na Olimpíada Internacional desta disciplina
De esquerda a dereita: Martín Enríquez, David Travieso e David Vázquez
photo_camera De esquerda a dereita: Martín Enríquez, David Travieso e David Vázquez

O 28 de xaneiro deste mesmo ano, catro estudantes de cuarto do grao de Física da USC acababan de rematar os exames do primeiro cuadrimestre e seguían exprimindo os miolos con problemas de Física Teórica. Enfrontábanse aos seis desafíos da Olimpíada Internacional desta disciplina e eran, ademais, os únicos españois que o facían. Non gañaron -quedaron no oitavo posto-, pero a súa victoria foi adiantar a equipos de universidades con tanto renome como Oxford, Browm, Rutgers e algúns grupos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). No grupo, que se bautizou como Gravitones Galaicos, hai dous lucenses -David Travieso Mayo e David Vázquez Rodríguez- e un monterrosino, Martín Enríquez Rojo.

David Travieso e David Vázquez xa coincidiran no IES Lucus Augusti, mentres que Martín Enríquez estudou no IES de Monterroso. E a Física chamounos aos tres polas súas corredoiras.

"Sempre tiven claro que me quería adicar ao coñecemento e, en particular, gustábame moito a Ciencia e a Filosofía, polo tanto dubidaba entre a escolla de Matemáticas, Física ou propiamente Filosofía. A decisión final de entre esas tres coido que foi algo fortuito...", explica David Vázquez.


David Travieso e David Vázquez farán un mestrado de Física na USC, mentres que Martín Enríquez optou por un posgrao en Múnic

Finalmente, escolleu Física influenciado "polos estrambóticos, e para nada intuitivos, fenómenos cuánticos, e polas teorías de Einstein, onde se cuestionan ideas como a natureza do tempo". E non ten a sensación de ter renunciado a nada: "A fin de contas a Ciencia e a Filosofía non son tan diferentes... De feito eu diría que son o mesmo!", di.

David Vázquez acaba de comezar o Máster de Física de Partículas na USC para especializarse en Física Teórica e Gravidade Cuántica. O titor é José Edelstein, o mesmo profesor que os animou a presentarse á olimpíada. A súa idea, di, é seguir afondando nese campo "sempre que as bolsas o permitan" cun doutoramento, co desexo de adicarse algún día a investigación.

O outro David (Travieso Mayo) tivo a súa decisión algo máis clara. No seu caso era evidente que o camiño estaba na rama de Ciencias. "Gustábanme en xeral as Matemáticas e a Ciencia", explica, e a Física pareceulle a mellor maneira de combinar as dúas. "Dentro das ciencias vén sendo a de carácter máis xeral, a que cuestiona o funcionamento da natureza, e iso atraíame". A outra tentación era a música, que estudou durante anos. O seu é a percusión e mantén activo este interese, pero non o desviou da Física.

Igual que o seu compañeiro de cidade, instituto, facultade e ata de posgrao, tamén lle gustaría que o seu futuro pasara pola investigación na rama da Física Teórica. Non é casualidade, senón todo o contrario. "Creo que isto último é o nexo común que nos fixo xuntarnos como equipo", recoñece.

Martín Enríquez cadrou cos seus compañeiros na facultade de Física. Encantábanlle as Matemáticas, pero quería "aplicalas ao mundo real" e o camiño máis directo que atoupou para facelo foi a Física Teórica, especialidade que, ao seu parecer, "se encadra mellor no Grao en Física ca no de Matemáticas".

Atraído por figuras como Einstein, Newton, Gauss ou Ramanujan, a Martín pareceulle que "podía ser útil e feliz" especializándose nesta disciplina, unha opción que "che garante unha formación moi versátil e moi valorada, mesmo nas finanzas, e na que desenvolves a intuición matemática, de xeito que o que nós (todos os físicos teóricos) fagamos hoxe será o futuro da humanidade nun século", indica.

E a modo de exemplo, explica: "Hoxe úsanse aparatos electrónicos en todos os lados, pero foi fai máis dun século cando Maxwell, un físico teórico británico, foi capaz de unificar o electromagnetismo e posibilitou toda a industria que levou á era moderna tal e como se coñece".

A súa mirada está posta tamén na investigación, pero admite que non desbota ningunha vía "vendo o difícil que está vivir disto pola falta de recursos económicos mesmo noutros países". Polo de pronto, vai facer un mestrado en Múnic (Alemaña) especializado en fundamentos matemáticos da Teoría de Cordas e Gravidade Cuántica.

Comentarios