María del Carmen López: ''A Semana Santa non depende da distinción internacional para crecer, pero merecémola''

María del Carmen López.
photo_camera María del Carmen López.

Faltan poucos días para a celebración, que vive un dos seus mellores momentos froito do traballo das cofradías, que, por unha banda, perpetúan a tradición medieval, mantendo os seus valores e, pola outra, mellórana, incorporando nova imaxinería en cada edición. A seguinte meta é a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional.

traballadora incansable, María del Carmen López está máis ilusionada ca nunca na organización da Semana Santa e na loita por que sexa recoñecida de Interese Turístico Internacional.

Xa queda pouco para a cita, como a preparan?

Nestas datas xa son os últimos retoques, estamos metidos nun momento moi activo. Ademais dos actos litúrxicos e procesionais temos en marcha como previo o programa Adral, no que damos importancia a aspectos sociais, culturais, turísticos e relixiosos.

Como se divide o traballo ao longo do ano?

Cada cofradía fai un estudo de como foi a Semana Santa pasada e onde pode apreciar melloras e trabállase neso, ademais de en coidar ou renovar o que xa temos. Por outro lado a Xunta de Cofradías este ano traballou moito no tema da declaración internacional e á parte hai que pensar quen pode ser o pregoeiro, entablar contactos ou facer as exposicións culturais sacras que levamos a cabo en distintas épocas do ano. Ademais colaboramos coas actividades do Ano da Fe e visitáronnos delegados de cofradías de toda España.

Seguen tendo lista de espera para participar nas procesións?

Normalmente hai unhas seccións fixas cunha lista de espera importante, que son os levadores das imaxes ou as bandas de tambores de cada cofradía, e só entra xente nova se hai baixas. Logo hai outras seccións máis movibles para as que estes días se fai un chamamento. Hai xente que quere participar voluntariamente nas procesións, incluso de fóra, temos moita de Madrid, que chaman por teléfono para que contemos con eles. Viveiro é un sitio pequeno pero ten unha Semana Santa moi grande, que mobiliza non só aos viveireses senón aos foráneos.

Consiga AQUÍ la información completa

Comentarios