A Semana do Corpus de Lugo regresa por 39º ano cunha programación na que destacan «a música lírica e os concertos dedicados ao barroco», segundo destacou o director deste festival dende hai dez anos, José Víctor Carou.
Carou comentou o primeiro dos apartados, no que destacou o concerto de apertura, con Nuria Rial e o grupo Vespres d'Arnadí; así como «a primeira actuación en España do barítono surafricano Njabulo Madlala». Dentro da música lírica, o coordenador considera importante o concerto que darán a soprano Roberta Invernizzi, que estará acompañada do arpista Manuel Vilas. Sobre todo, manifestou como importante a primeira actuación en Galicia do barítono ruso Sergei Leiferkus, «que interpretará a súa especialidade, a canción rusa».
As cantatas do século XVII de Harmonia Articificiosa sobresaen na parte barroca, na opinión de Carou, que citou novamente a Vespres d'Arnadí e Invernizzi. Engadiu tamén o clavecista Aaron Zapico como figura.
Non esqueceu de citar a achega galega, que será feita por Alejandro Sanz e Jorge Montes, que interpretarán pezas dun compositor galego, como é Fernando Buíde.
Como curiosidade, falou sobre o concerto que vai protagonizar o percusionista Diego Ventoso, que vai estar acompañado polo Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio de Lugo.
A concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, lembrou que o orzamento do festival, de 90.000 euros, será achegado polo Concello. Esta redución supó cinco concertos menos pola baixada de presuposto diante da falta de axudas da Xunta. «Non entregaron a cantidade comprometida para 2010», dixo.
Programa |
10 de maio 20 de maio 23 de maio 25 de maio |