jueves. 20.01.2022 |
El tiempo
jueves. 20.01.2022
El tiempo

E PELÚDEZ DIXO... Seica lle puxeron a epidurcal

LOGO DAS apertas e dos bicos, Pelúdez confesa a carón dunha cunca nunha tasca de Recatelo:

-Este ano estiven a piques de non vir.

-E logo? Padeciches dos cadrís?

-Padecín de saúde! Teño os cadrís coma os do Quique Setiene! A cousa foi porque non vía que poñerades fin á folga do lixo e a Filomena non estaba disposta a chimpar polas rúas coma pulga polo can. «E se teño que levar as zocas, mellor quedo na casa», dicía.

-Pois xa ve que todo se amañou.

-Si, despois de bater o récord mundial de premanencia baixo a merda.

-Non esaxere, que máis merda había en Caixa Medrí.

-Xa! Pero desa outra non nos viña mal a ninguén. Branqueada, por suposto!

Coma fan case sempre, o home adiantouse á chegada do groso da familia, pola que me intereso de contado.

-Que tal o inverno? Como lle foi a Vanesa co embarazo?

-O inverno pasou hai tanto que xa non me lembro. No canto da Vanesa, pariu; a probiña non ía estar toda a vida co bandullo feito un odre de viño de Chantada.

-E que foi?

-Pois que ía ser? O de sempre! Que o Peludeciño deixouna preñe!

-Home, xa! Refírome ao parto. Se foi ben e iso.

-De fábula. Entrou por unha porta e saíu pola mesma. Xa lle contará ela, porque seica lle puxeron a epidurcal que che durme e escoitas rancheiras da Rocío mentres o botas pra fóra.

-Si, mellor será que mo conte ela. E o contencioso do nome? Xa foi acristianada?

-Ca, ca, ca! Iso aínda vai ter a súa infraoitava!

-Conte, que os lectores do Progreso están en ascuas.

Pelúdez remexe o chapeu, prende o pito que se lle quedara amortuxado e di:

-O ano pasado foi un tema aprazado como fan nas películas, é dicir, cine die. Uns purraban porque lle impuxera Maruxaina; outros, Shakira da Consolación; outros, Peludeciña; outros máis, Filomena Balloncé... Total, que aquilo era unha barafunda sen xeito nin sentidiño. Daquela colleu a Vanesa, xuntounos a todos na palleira e fixo un comunicado discursivo no que, máis ou menos, veu dicir o seguinte:

-Xaquelogo non hai consenso e todos temos o dereito a decidir, vou convocar un refrendo entre os lectores do Progreso durante o sanfreilán e o que saia, saíu.

-Ben matinado. Democracia prenatal. E como vai ser a pregunta? Non sexa que non lle acade a Rajoy.

-Van ser dúas, como no que lle chafaron ao Mas. A primeira di: Quere que a nena da Vanesa e do Peludeciño teña un nome propio e independente? E no caso afirmativo: Cal?

-Supoño eu que á primeira todos respostarán que SI.

-Eu tamén, pero a pícara dixo que se o Mas facía dúas, ela non ía ser menos.

-E onde se poden enviar as suxestións?

-Hai dous camiños. Ou mo din a min, ou cho din a ti. A Vanesa apuntoume a túa páxina pra que a poñas e leves conta da limpeza do proceso. Apunta: https://www.facebook.com/josede.cora

-Xa me parecía raro que eu saise ben librado do choio.

-Non te queixarás! É un traballo ben doado, intelectual e sen custo adicional algún.

-Estou encantado.

Saímos do bar porque o Pelúdez quería aproveitar que estaba só pra facer unha primeira visita ao feiral e aos garigolos do cienfalópodo.

-Deste xeito, cando mañá chegue a cotropea, pódolles ensinar todo canto hai.

-Si, coma se non o soubesen.

Na paseata atopámonos co Lois Diéguez, que viña de presentar o seu libro sobre Lugo e o home non perde a ocasión de facerlle dunha brincadeira.

-Semella que Lugo andaba un pouco perdidiño, porque mira que coincidir os dous cunha guía da cidade...!

-Iso non é un problema - dílle o Lois -. O malo sería que non houbese ningunha

-Ao mellor póñome eu a facer a miña, que sei de sitios nunca machucados pola pegada do home.

-E logo vostede que é? Unha besta? - devólvella o escritor.

- Eu como o Paraná, que sen deter a marcha, bica a praia e lisca pralá.

E sen máis, atravesamos o Parque, porque en realidade o home non quería ver as barracas, senón un convite a rabos de cienfalópodo, que xa era hora e a fame é negra.

E PELÚDEZ DIXO... Seica lle puxeron a epidurcal
Comentarios