Segundo oscuro

Bosque en Becerreá / Foto: J. VÁZQUEZXUSTO UN segundo antes de quedar durmidos preséntansenos no dormitorio os medos todos. Os adultos da segunda idade tememos espertar no corazón da escuridade tusindo con frecuencia exasperante. As persoas de máis anos mesmo temen quedar atrapadas no Gran Soño. Na película de Howard Hawks ‘The big sleep’, o detective Philip Marlowe esixe a un sospeitoso: «Dime a verdade porque non abofeteo ben a estas horas da noite». O cansanzo pouco axuda a asustar as ameazas intanxibles. Os temores nocturnos máis intensos son os que atrapan aos nenos. O meu fillo Antón teme quedar durmido nalgunhas noites impares por se se lle presenta «o soño do vampiro». Ben sabe que os vampiros non existen porque nunca o incomodan: soamente esperta cando un balón se lle vai uns centímetros á dereita da escadra. O meu cativo non remata ben os balóns da madrugada. En tempos primitivos tocabamos os nosos temores a nada que estendésemos a man fóra da cova. Co paso dos milenios fomos aprendendo a edificar aldeas para protexernos entre todos. Daquela, os pesadelos acabaron por ser expatriados das vilas, condenados ao ostracismo nos bosques. O director de cine Pedro Olea adentrouse coas cámaras nunhas terras verdes e escuras de Becerreá en 1970 para filmar as nosas incertezas atávicas na película ‘El bosque del lobo’.

Comentarios