Segundas partes

Segundas partes din que nunca foron boas, e senón que llo pregunten por exemplo a Florentino Pérez, que tras unha exitosa primeira etapa á fronte do Madrid, na actual non dá coa tecla axeitada. Aznar non descarta volver á primeira liña política (se a deixou algunha vez), pero por moita nostalxia dalgúns, nin el nin os cidadáns poden obviar que as circunstancias son distintas, e que non será o xestor do «España va bien», co que favoreceu a burbulla inmobiliaria que nos arrastrou a todos, quen nos saque desta. Hai que entender as súas declaracións máis como ameaza de quen segue tendo influencia no partido que como un ansia pola volta. Porque corre o risco de que lle pase o mesmo que a Rato, que saíu con aura sacra do Goberno e pola contra logo deixou Bankia afundida. A morriña é lóxica, sobre todo cando se foi a peor, pero como dixo algún dos seus compañeiros, Aznar é pasado. Ou non?

Comentarios