Segundas oportunidades

JUAN MARÍA JÁUREGUI foi un político socialista vasco que ocupou os cargos de procurador das Xuntas Xerais e gobernador civil de Gipuzkoa á altura dos anos noventa. Eran entón cargos de moito risco, que esixían escolta e moita precaución á hora de facer movementos. Pertencía a ese colectivo que tiña que revisar os baixos do coche cada vez que quería arrancar. Semella arrepiante pero para saber de verdade o que isto significa habería que calzar os zapatos do outro, e ser conscientes do difícil que é facerlles o lazo. Eu creo que, para unha maioría, esta experiencia sería como vivir nunha liberdade condicional ou unha morte en vida. No caso de Jáuregui podemos falar de morte anticipada, porque a súa sentenza foi executada no ano 2000. Malia tomar a precaución de irse traballar a Chile, poñendo un océano e miles de millas polo medio, nunhas vacacións no País Vasco, foi acribillado pola Eta, mentres tomaba café nun bar. Desgraciadamente o ocorrido non era unha excepción; durante os anos do terror foron milleiros ás vítimas. Pero neste caso concorre a circunstancia de que quince anos despois, Ibon Etxezarreta, aquel que apretara o gatillo ten pedido perdón desde o cárcere. A maiores, o grupo abertzale Bildu, promoverá un acto de homenaxe no cabodano do seu pasamento. Hai anos todo isto sería ciencia-ficción pero hoxe é unha gozosa realidade. Penso que, en comparanza co dano causado pola violencia, o proceso de pacificación está a transcorrer sen que lle deamos a importancia que ten. É a gran noticia de principios do século XXI en España. O resto de problemas, incluídos os económicos, son cíclicos, veñen e van. Pero cando hai mortos os feitos son irreversibles. Os que se van xa nunca volven; viúvos e fillos dificilmente refarán as súas vidas. Este é o principal argumento contra todo tipo de guerras e loitas violentas. Por iso resulta preocupante que en Galicia, onde non existe tradición ningunha de loita armada, algúns mesmo estean a contemplar a súa existencia para conseguir obxectivos políticos. Porque a vida da moitas voltas, e o que hoxe semella branco ben pode parecer negro o día de mañá. As alianzas mudan e as grandes causas poden converterse en asuntos menores con paso do tempo. O filósofo alemán Hegel dixo aquilo de que non cabía maior felicidade que morrer pola patria. O home posmoderno pon todo en cuestión e ten unha grande desconfianza dos grandes principios e doctrinas; en consecuencia, son moitos os que teñen como maior valor o da paz. Claro que aínda quedan talibáns dispostos a morrer matando. Máis cedo ou máis tarde tamén eles acabarán por cambiar de ideas. Pero para as vítimas xa será demasiado tarde.

Comentarios