A seca

HAI XA algún tempo que as noticias sobre a chuvia, ou mellor dito sobre a falta de chuvia, ocupan un espazo destacado nos minutos cada vez menos profesionais e máis miméticos que a televisión pública de Galicia dedica ao tempo. A persistencia dunha climatoloxía estábel, apenas alterada polas oscilacións do mercurio -ultimamente benévolo- é desde hai semanas un titular repetido e tan só matizado pola predición a longo prazo dunha borrasca que non acaba de chegar. Baixo uns comentarios que adoitan converter en noticia neboeiros, treboadas e outros fenómenos do común, aflora en ocasións unha evidencia: o feito de estarmos a vivir unha das estacións máis secas da historia recente.

Nada que obxectar, pola miña banda, a estes días solleiros en pleno inverno, no país da chuvia. Traizoando, non sen cargo de conciencia, o que puidese quedar do meu corazón agrario, confeso o optimismo que me infunden as horas luminosas e mornas, así como a escasísima nostalxia que sinto da humidade que por veces nos envolve co peso dun cobertor mollado. Desoio a miúdo, cortesmente, as inquedanzas sobre a falta de auga, ao tempo que desboto profecías infundadas acerca de témporas, cambios climáticos e outros agoiros. Con todo, as certezas estatísticas baten con forza na coiraza que acotío me defende de dixomedíxomes, mentiras e de todo un bombardeo informativo interesado e insán. É neses momentos cando tomo conciencia dos problemas que poderían derivar, no agro, na cidade e na vida cotiá, dunha seca prolongada e, sobre todo, de como esa situación, no caso de perdurar, sería xestionada -abofé que precedentes non faltan- por quen nos goberna.

Unha sensación semellante sinto cada vez que percuten, na coiraza e na pel, o ballón de noticias, sentenzas e previsións varias que nos invaden a cada hora e que nos debilitan a partes iguais dereitos e entusiasmo. Igual que cos faladoiros sobre a seca, disecciono neles cunha mestura de escepticismo e de cautela: a necesaria para seguir pensando. Igual que coas estatísticas, recíboos e procésoos co temor que provoca a evidencia. Mesmo ese discurso sibilino que tenta envolvelos, ao tempo que edulcorar as medidas máis severas e acalar as voces e as rúas, paréceseme ás veces ao sol extemporáneo e plácido -enganoso, algo traidor- que arruína a colleita. En ocasións pregúntome se a seca deste inverno non será unha metáfora desoutra seca ideolóxica, política e moral que arrasa desde hai algún tempo unha xeografía extensa. A mesma que arruína países e paraliza conciencias. A mesma que terán que xestionar, ante o espanto dos máis, os que nos gobernan. Ás veces todo convida a pousar por un instante os pensamentos e saír a camiñar baixo un sol tépedo, invernal e capaz -ese si- de atravesar calquera coiraza.

Comentarios