A seca e as xeadas ameazan as hortas e desabastecen o mercado

Algúns empresarios teñen dificultades para garantir o suministro ► Este luns Sarria amenceu a -4,8, Guitiriz a -4,5, O Poio a -3,1 e Lugo a -2,8
Oliva Souto mostra algúns dos grelos danados na súa plantación
photo_camera Oliva Souto mostra algúns dos grelos danados na súa plantación

Os produtores lucenses de horta ven ameazado o seu negocio debido ás xeadas dos últimos días e á seca que sufriu o campo durante o outono e o que vai de inverno. A produción está sendo menor e mesmo algúns empresarios que se dedican ao envasado e comercialización non poden garantir o envío da mercadoría aos seus clientes. Unha mostra do tempo xélido son as temperaturas ás que amenceron este luns diversos lugares da provincia: Sarria a -4,8, Guitiriz a -4,5, O Poio a -3,1 e Lugo a -2,8. Burela, pola contra, rexistrou uns agradables 5,2 grados. Moi lonxe dos -10,8 que se sentiron en Calvos de Randín (Ourense).

Susana Ouro, que cultiva en Muxa produtos de tempada –tales como repolo, rúcula, leituga ou nabos– e que este mes acumula unhas perdas do 25% porque non ten produto que vender. "Algún día no teníamos nada que servir", recalcaba. Que o producto non medre por falta de auga non é o único problema que ten esta produtora. As xeadas supoñen outra ameaza, xa que as pragas poden atacar os cultivos, o que suporía un esforzo económico a maiores, xa que podería perder a produción das próximas semanas.

Outros produtores que tamén ven mermados os seus ingresos son os dos grelos. É o caso de Begoña Gaute, de Abadín, quen, á parte de ver como o produto se lle perde pola xeada, tivo que facer fronte a gastos imprevistos no mes de setembro por mor da seca.

A falta de choivas obrigouna a sementar varias veces a parcela que dedica ao cultivo desta especie, o que lle supuxo un custo a maiores do "20%, uns 300 euros entre semente e gasóleo". Ademais, durante estes meses de atrás, Gaute tivo que andar máis superficie para poder recoller a mesma cantidade para un atado de nabos, xa que este ano eran máis pequenos e de peor calidade.

Pero este problema tamén é extensible a outros municipios lucenses, practicamente a todos. De feito, a produtora vilabesa Oliva Souto sinalaba que os grelos "son máis pequenos e as follas están máis queimadas", mais no seu caso a produción deste ano era "bastante boa" ata que chegou o frío. Segundo sinala Souto, as intensas xeadas destes días son un problema porque "poden facer podrecer a planta" e, ademais, "tírase un produto que se non estivera axeado podería venderse sen problemas".

EMPRESAS. Pero non só os produtores pequenos están a ter problemas con este tempo. Empresas adicadas á comercialización de produtos de horta a gran escala, como a vilalbesa Obenfield, teñen que botar man do regadío para a produción de repolo, leituga ou xudías, o que lles supón "un incremento no custo" e, ademais, non garante que o produto medre coa mesma calidade, pois son cultivos que necesitan humidade.

De feito, José Manuel Fraga, socio de Obenfield, asegura que este ano non conseguirán as cifras do ano pasado, cando chegaran a producir "50.000 kilos de repolo, 25.000 de berza ou 100.000 de grelo".

Outros empresarios que tamén se viron afectados pola seca foron os propietarios de Champivil. Segundo sinala Luzdivina Castelo, o tempo seco xa danou a produción dende o comezo da campaña, posto que "cando se sementou o nabo, en setembro, xa morreu moita planta que non deu nacido". E agora as xeadas "poden facer que o grelo non retoñe", o que suporía outro risco . A seca e a xeada obrigou a esta empresa a cambiar de proveedores para dar garantido a produción. Segundo sinalaba Luzdivina Castelo, "antes quedabamos na Terra Chá e este ano tivemos que mercar tamén a produtores de Castro de Rei e de Portomarín porque non dabamos chegado ao mínimo de quilos que tiñamos pedidos".

Tanto empresarios como produtores afirman que, de cara ás próximas semanas, as choivas poden facer que se recuperen un pouco os cultivos. "Se chove un pouco poden retoñar, pero non vai ser coma antes", afirma Oliva Souto. Unha opinión que é compartida tamén por Begoña Gaute, quen sinala que "o grelo cambia de sabor e de textura se o afectan as xeadas".

AUMENTO DO PREZO. A falta de produción fará que o prezo das verduras e hortalizas suba considerablemente de cara ás próximas semanas. A empresaria de Muxa Susana Ouro augura que "los productos de estación van a ser más caros porque no va a haber la cantidad que acostumbra".

En Champivil xa o comprobaron. Sinalan que o prezo de compra do grelo, que nesta época se situaba en 0,25 euros o quilo, estase xa a pagar a "0,40 euros, e no Entroido vai dobrar porque non hai produción e é cando máis se compra", o que repercutirá tamén no consumidor, din.

O tempo máis cálido do normal tamén inflúe nas vendas. José Manuel Fraga sinalaba que "vendemos case un 70% menos comparando co ano pasado, porque a xente compra máis estes produtos cando fai frío".

Comentarios