Se a Xunta puxera o metalcrilato, eu puña a auga

Pelúdez merca o anel prás Vodas de Titanio e asiste á presentación do libro de Pena e Arribas

POLA MAÑÁ, o home despistouse da familia pra mercar o anel de titanio co que celebrar as vodas de ídem. Atopouno de contado e falando co xoieiro, perguntoulle polo prezo, con medo a que fose por riba do seu presuposto.

...preséntolles ao meu amigo Tamarindo-Pois mire; témolos a cinco euros, a dez, a vinte...

Pelúdez queda mirando pró home e logo dun anaco, dílle:

-E non podería subilos un pouco de prezo?

-Subilos? Non entendo.

-Si, ho. É que esas cativezas non me cadran ben pra mercalo. Por unha banda non podo chegar onde a miña amada e dicirlle que o anel custou cinco euros porque mo guinda ao Rato, coma eses coches que lles daba por caer no rego cada dous por tres.

-E pola outra? -pregunta o comerciante.

-Pola outra, como lle vou a regatear a vostede se non teño marxe prá baixarlo máis?

-Ah! Iso non é problema algún -argalla o xoieiro -. Cando fale coa súa muller, dígalle que o anel custaba cen euros, pero que foi negociando e o sacou por vinte.

-Aquí non teñen Prezo Fixo?

-Non señor, témolo tremelicante.

-Pois logo, veña pracó o anel e non se fale máis. Quero que mo graven polo interior con esta frase. Apunta, neno: "Por outros setenta anos canda ti, porque estes primeiros foron oténticamente un sospiro que cando me dei conta, xa pasaran. Con moitos bicos do teu Peludo". Telo todo?

-Señor, non me colle.

-Pois chama outra vez. Ata mañá.

E marchamos co sorriso nos beizos polo bo negocio que fixera.

-Oitenta euros que aforrei, chacho!

A xornada estaba chea de músicas e de feito o resto da familia xa foran ver os Ardeyukú e as do san Froilán Miúdo. Agora, antes dos concertos da noite, quedaran no Vello Cárcere pra asistir á presentación do libro sobre o cienfalópodo que escribiron Teresa Pena e mailo Fernando Arribas.

-É a primeira vez que entro nun cárcere sen estar detido -di o home.

-Non sabía eu que estiveras detido algunha vez -reacciona a Filo.

-E quen dixo tal? Se no canto de vir á presentación dun libro, viñera preso, tamén sería a primeira vez que entro nun cárcere detido.

-Ti entoleces á velocidade do Blusón de Jís.

No acto, Teresa e Fernando explican polo miúdo como fixeran pra xuntar todos aqueles datos sobre o cienfalópodo, pero o público revírabase unha e outra vez cara ao Pelúdez, no convencemento de que tarde ou temprano faría unha das súas, como así foi.

Logo de que os autores remataran as súas intervencións, o home vai á mesa e volvéndose aos presentes, di:

-Con premiso. Xa dicía eu, xa dicía eu... esta muller e este home tan estudosos, que estiveron tanto tempo enfariñados coa pulpoloxía, vai chegar o intre da presentación e van esquecer ao protagonista. Pero eiquí estou eu pra remedialo...

Mete a man no peto e tira del o mesmo cienfalópodo que levara onte a oferenda da catedral.

-... diante de vostedes, preséntolles ao meu amigo Tamarindo, irmán político da pulpa do Tamarindo, que non puido vir porque estaba esmagada! Fáganlle as preguntas que queiran. Aínda que é algo túzaro, ao final dá os seus brazos a retorcer.

-Pero Pelúdez! -grítalle Jorge Vivero- Estás a penetrar no maltrato animal!

-Eu? Eu que o levo ben quentiño no meu peto e que lle vou a facer un acuarius pró inverno? Eu maltrato animal? E logo vós, que papades cada ano non sei cantas toneladas, que sodes? Unhas monxas da Caridade?

Fernando mete baza e di:

-Home, Pelúdez; niso de manducar cienfalópodos non dirás que ti quedas fóra?

-A non ser que estea pechada a caseta... non.

Rematado a acto, moitas persoas achéganse pra coñecer ao Tamarindo e preguntan se realmente vai conservalo nun acuarius, ao que el resposta:

-Se a Xunta puxera o metalcrilato, eu puña a auga e vía. Collinlle afecto.

Comentarios