''Si la Xunta no participa, las sucursales de las cajas gallegas van a ser para gigantes como el BBVA''

236541.jpg
photo_camera 236541.jpg

A preocupación polo futuro das caixas galegas e a súa bancarización levou a que o exdeputado do BNG e profesor de Economía na Universidade de Santiago Xesús Veiga opinara sobre as consecuencias que terá esta situación, nunha charla en Ribadeo, terra á que está vinculado un dos exdirectivos de Caixa Galicia

a pesares de estar nunha esquiniña de Galicia, Ribadeo vive dun xeito especial a bancarización das caixas de aforros, sobre todo, porque polas súas rúas pasea con certa frecuencia o exdirector xeral adxunto de Novacaixagalicia, a quen se lle atribúe á fusión das entidades galegas, Javier García de Paredes. Quizáis por este motivo e polas dúbidas que causa entre a cidadanía o que está a a contecer, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadeo quixo traer ao profesor do departamento de Organización e Comercialización de Empresas na Facultade de Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xesús Veiga Buxán, que foi deputado parlamentario polo BNG de 1993 a 2005.

Como político, xa coñecía ben esta problemática bancaria, non si?

Como portavoz de Economía do Grupo Parlamentar do BNG, participei nos debates sobre as modificacións lexislativas e a situación das caixas de aforro galegas.

Que supón a actual bancarización das caixas de aforros en Galicia?

Estamos vivindo un momento histórico: a morte dunhas institucións financeiras moi importantes na vida económica galega.A singularidade das caixas era o seu carácter social. Non existían propietarios, os beneficios eran destinados á chamada obra benéfico-social e a tutela sobre o seu funcionamento estaba nas mans do Banco de España e nas institucións de goberno das comunidades autónomas.

Que puxo fin a este modelo?

Amparados no contexto da crise, as tres pezas básicas nesta historia, é dicir, o Banco de España, gobernos das comunidades autónomas e directivos das caixas, participaron -por acción ou por omisión- na morte destas entidades. Os directivos, por exemplo, cometeron o grave erro de comprometelas na burbulla inmobiliaria. Actuaron como se foran os propietarios dunhas entidades dos que só eran administradores e quixeron imitar aos bancos na carreira especulativa, asumindo riscos que nunca deberon formar parte da súa estratexia como xestores dunhas institucións cuxo labor principal era evitar a exclusión financeira dos sectores sociais con menor poderío económico e asegurar unha fonte de financiamento ao tecido empresarial galego. O Banco de España apostou decididamente pola bancarización.

Que papel tivo e debera ter a Xunta nesta situación?

O goberno da Xunta mantivo unha política confusa e vacilante. A defensa da fusión entre Caixagalicia e Caixanova era unha condición necesaria pero non era suficiente.Requiría cambiar con urxencia as equipas directivas das caixas. Se o goberno da Xunta quere evitar que o desenlace final sexa unha entidade financeira co seu centro de decisión fóra de Galiza, debería reclamar do Estado a transferencia na xestión desa maioría do capital que posúe o FROB, que ten o 93% do novo banco. A Xunta debera ter unha participación accionarial determinante neste novo banco. De non ser así, dentro dun ano, tal vez vexamos as vellas sucursais reconvertidas en locais do BBVA ou doutro xigante bancario español.

E que opina das indemnizacións millonarias dos exdirectivos?

Hai dous agravantes que as fan máis obscenas aínda: primeiro, que non eran bancos, nin os seus directivos eran os accionistas principais e logo, compensar dese xeito a quen fixo unha xestión que conduciu ás caixas a un grave deterioro da súa solvencia por mor da forte exposición ao ladrillo, non é de recibo. Por ética e responsabilidade social cabe esixirlles que as devolvan. É o mínimo que poden facer para corresponder á confianza que demostraron durante tantos anos os milleiros de galegas e galegos que depositaron os seus aforros nestas entidades.

Comentarios