«Se vas sen foula, non fuches á malla»

Baixo un sol abrasador, Meira repetiu un novo éxito na festa con máis sona para recuperar o proceso tradicional de separar o gran da palla

ESPIGAS AO SOL. Palla facendo medrar o palleiro. Gran a moreas. O ruído do motor dunha antiga máquina que aínda recorda o pasado. Buñuelos para recuperar forzas. E viño para quitar o pó das gargantas. Traballo en equipo e festa sen descanso. É a fórmula perfecta pola que apostan cada mes de agosto na Festa da Malla de Meira. E xa van 26. Un novo éxito, «e folgos para outros tantos», aseguran.

«O que se fai aquí é o que se facía en calquera casa particular hai algunhas décadas, o proceso de separar o gran da palla», explicaba nun descanso Manuel Pardo, o presidente da Asociación de Amigos da Malla, ataviado coa súa boina. «É moito traballo, pero recompensa que todo saia ben e que a xente quede satisfeita».

A media mañá, o centro de Meira estaba inundado de xente. Uns dispostos a traballar -ao redor de medio cento de voluntarios forman un engranaxe perfecto para que todo funcione- e outros preparados para viaxar na máquina do tempo persoal, a dos recordos.

«Eu lembro cando se mallaba na miña casa», falábase entre o público, mentres moitos, cos seus móbiles en alto gravaban cada detalle, quizais por se nalgún momento os recordos deixan de permitirlles viaxar por si mesmos.

"É moito traballo, pero recompensa que todo saia ben e que a xente quede satisfeita"

«Cando non había máquinas facíase así, con mallos», explicaba outro, mentres catro homes petaban sen descanso sobre a palla seca no chan. «O pao era recto, os mallos son estes, teñen dúas partes, unha móbil», precisaba outro nunha pequena disputa sobre nomenclaturas e formas de facer nunha e noutra casa, as súas.

No outro lado, os máis novos. Os que non poden recordar, pero si aprender. «Coñeciamos a malla da festa, nunca a vivimos na casa, pero empezamos a participar para seguir a tradición», dicían Manuel Camino, Javi Rey e Jacobo Lubrigados. Con doce, 15 e 14 anos respectivamente, levan tres mallando.

«Pásase moi ben. Hai moito traballo, pero somos moitos e está moi repartido e é unha festa que se fai unha vez ao ano», explicaban estes novos malladores, o futuro asegurado dunha festa declarada de interese turístico de Galicia.

«O que non se mancha de po e non leva foula enriba, non foi á malla», chanceaba outro home dende o público mentres unha nube corría polo aire cara ás cabezas, ou no caso de moitos, os sombreiros de palla que se venden na festa -un clásico xa neste día na imaxe urbana de Meira-.

Aos traballos da malla sumáronse outras propostas para completar a festa. Houbo música, unha exhibición de maquinaria antiga e unha mostra de artesanía, na que estivo exposta a maqueta da igrexa, esa pequena miniatura na que Jesús Villamide traballa sen descanso dende hai meses. «E teño para dous anos, que hai que facer todo o convento», apuntaba o meirego, mentres a xente se agolpaba para ver unha pequena obra de arte en construción.

A comida superou tódalas expectativas e vendéronse os 900 platos de cocido moito antes de poder saborealos. E a queimada, coma sempre, puxo o punto final.

Comentarios