miércoles. 28.07.2021 |
El tiempo
miércoles. 28.07.2021
El tiempo

Te vas a enamorar

Una imaxe da feira dos anos 20 do século pasado (Foto: AEP)
Una imaxe da feira dos anos 20 do século pasado (Foto: AEP)

«Se ti vises o que eu vin /na feira de Monterroso:/ vinte e cinco xastres xuntos,/ dacabalo dun raposo». Sinalada a lume nas recomendacións do Mintireiro Verdadeiro e no Gaiteiro de Lugo. E a Lonely Planet? Á Feira de Santos de Monterroso chegouse desde a noite dos tempos en cabalgaduras e, máis recentemente, nos Puntero ou nos Gómez de Castro.

Piteiras de Boente, zoqueiros, zapateiros, panadeiros e curtidores de Melide, queixeiras de Palas, esmelgadores de Antas, viñoteiros da Ribeira, músicos de Visantoña, matemáticos de Lalín, gandeiros das catro provincias galegas e tratantes de media Península... gando vacún, porcino e lanar... e, sobre todo, équidos; mulas de traballo que en Castela facían as veces de tractor, segundo o dito popular.

Así foi sempre. A feira de Santos de Monterroso é unha das tres principais de Galicia, con Santiago -en Compostela- e San Froilán de Lugo. E isto son palabras maiores.

E a cita feirada na comarca da Ulloa ten sido, sen dúbida, o máis importante punto de transaccións comerciais -con ou sen cartos de por medio- da Galicia central, da Terra do Medio.

Santos chegaba e chega no punto para os froitos do outono: noces, castañas, avelás, mazás, mel, patacas, cebolas, allos, legumes... para encher a despensa antes de meterse no máis hermo e frío da invernía. Por Santos, neve nos campos. Ou chuzos de punta. Ou un aire que corta a cara. Ou un día de sol outonal. Quen sabe?

En ningún sitio está recolleito cando foi que empezaron a feirar os monterrosinos, pero seica vén da potestade do mosteiro de Sobrado de cobrar un imposto polo sal. E as leis da hospitalidade dos sete reinos (ou provincias) de Poniente dictan que nada malo lle pode pasar a un onde o invitan a comer pan e sal.

Si que existe certeza de que a feira de Santos é unha cita comercial que conta, como pouco, con medio milenio de historia. Todo comezou no barrio de Monterroso que hoxe se coñece como Feiravella. Un escrito da audiencia de Vilamaior de Ulla, de marzo de 1557, é o primeiro documento no que se fala do mercado anual do primeiro de novembro.

Todo isto, segundo a investigación de María José Gómez Albite, quen desvela tamén que seica a cantiga dos xastres e o raposo na feira de Monterroso nada ten que ver co gremio do corte e a confección. Os vinte e cinco xastres son outros tantos tratantes -tesoiras de marcar en man- que lle queren facer un traxe ao raposo, un labrego do país que se defende como gato panza arriba.

Sexa como for, antes de facerse ás estradas, corredoiras e congostras cara Monterroso, feirantes e feirados adoitaban tomar a parva ben de madrugada; pan con queixo e augardente. O leite á mañá, nin para os nenos.

Cumpría chegar ben cedo para facer os mellores tratos e atopar a mercadoría de máis alta calidade. Hoxe aínda arriban sen día os tratantes e gandeiros a Monterroso por Santos. As boinas e os chapeus ceden terreo a outros tocados capilares ben menos dignos, mais a de Monterroso segue a ser unha desas citas atemporais polas que non pasan os séculos.

Unha feira cos caldeiros de cobre a borbotear de tentáculos de polbo e cociñeiros que lle teñen o punto á carne á maragata.

Unha feira das de ir comprar a corda de atar chourizos, o pementón de adobar a zorza, o sal gordo de curar o xamón... A matanza está á carreiriña dun can e os máis previsores afían xa os coitelos.

As Pontes festexa os fungos e os cogomelos

  • A de Monterroso é a máis masiva das feiras de Santos de Galicia, pero non o único emprazamento para as actividades da véspera dos Defuntos. A de Gontán (Abadín) é unha das máis senlleiras, mais a súa celebración terá que agardar ata o primeiro sábado do mes de novembro, que é cando está fixada no almanaque de feiras. Ben preto das terras chairegas, As Pontes organiza desde hai máis de vinte anos unha feira de outono polo primeiro de novembro, dedicada fundamentalmente aos fungos e cogomelos.

Premios

  • A feira repartirá máis de mil euros en premios no tradicional concurso de cestas con cogomelos e produtos outonais, que este ano trasladará a súa localización á Praza de América. A mostra incluirá tamén unha degustación popular, na que se servirán unhas oitocentas racións de comida. Será nunha carpa situada no patio do colexio Santa María. Para completar a xornada, Oswaldo Digón e Pepo Suevos porán os sorrisos e Cé Orquestra Pantasma, a música.

Castañas e mel, na Pobra do Brollón

  • Outros produtos senlleiros deste tempo, o mel e as castañas, levarán unha merecida homenaxe na Pobra do Brollón, máis concretamente na parroquia de Salcedo. No multiusos instalaranse mañá, sábado, os expositores para a venda de produtos apícolas e do froito dos ourizos da terra.
  • No serán, haberá degustación dos alimentos honrados e, asemade, distintas actividades culturais.

As feiras que veñen de aquí a fin de ano

O das feiras é un mundo que se mantén en boa parte de Lugo e de Galicia a pesar de que o sector primario é cada vez menos relevante na economía do país. Así, a bichería foi deixando lugar os días de feira a mercadillos de roupa, calzado, paños de cociña, mandilóns... Porén, pervive a tradición do polbo nas feiras galegas e hai algunhas que case que se reducen a unhas talladas de tentáculos con ventosas sazonados con pementón e aceite.

De mes, de día, de ano

O almanaque feirado é máis complexo que un ‘sudoku killer’. Está feito de modo que non haxa contraprogramación en territorios lindeiros, e en función do curso da natureza e dos produtos que achegue en cada momento. A cousa vai de tal xeito que se hai feira en Palas non hai en Monterroso, claro, pero tampouco en Melide, Lalín, Agolada ou Arzúa. Nunha organización que trascende a división provincial e que fala mellor da xeografía económica de Galicia.

Os máis entrados en anos saben de memoria as que lles tocan na súa área de influencia, para todo o demais; O Mintereiro Verdadeiro. Hai feiras de mes, feiras de día, feiróns quincenais e feiras anuais, como as de Santos de Monterroso e Gontán ou as xa pasadas de San Froilán de Lugo e As San Lucas de Mondoñedo.

As vindeiras

A Feira do Porco Cebado de Cospeito, que se celebra o derradeiro domingo de novembro é tamén de periodicidade anual, como a Feira do Capón de Vilalba, que cada 21 de decembro elixe o menú de Noiteboa.

Polbo en Aninovo

É xa casi tradición na Ulloa e bisbarras próximas achegarse a comer o polbo á Feira do Un de Monterroso o primeiro de xaneiro, logo da marcha de Fin de Ano, nos mesmos coches de liña que usan os labregos, queixeiras e piteiras da zona.

Te vas a enamorar
Comentarios