Se o radar está sempre no mesmo sitio, para que carafio quere que lle avise?

Día de compras e de música, no que Pelúdez amosa un gran dominio do sentido común

APROVEITARÁN A mañá pra facer algunha compra. A Filomena quería un deses detectores dos radares da Garda Civil, pois di que con dúas multas das que che libren, xa está pago o aparello. E claro, o marido non é da mesma opinión.

-Xa estou cansa de que a Concha do Fariña veña por casa día si e día non pra restregarme polos fociños o moito que aforra o seu home cun chintófano deses.

-Pero se o Fariña só monta no coche pra ir da aldea ao Concello, e vinceversa!

-Aí te está o detalle! Que na metade do percorrido ten que cruzar a Nacional e alí puxeron un vixía radafónico. Dende que ten o avisador, non lle volveron multar, porque escoita a unha muller que leva dentro e ergue o pé do acelerador de contado.

-Imos ver, fror do meu xardín -di o Pelúdez moi calmo-, se o radar está sempre no mesmo sitio, para que carafio quere o Fariña que lle avise? Ou é que ten mamoria de peixe?

-Pois terá!

-Daquela é Fariña de pescado.

-O que ti queiras. Eu marcho a mercalo.

-Atende un anaco, muller; que ás veces as cousas non son como parecen. Non te decatas de que che falta unha cousa imprescindíbel?

-O premiso dos meus pais?

-Non. O coche! Que eu saiba aínda non repuxemos aquela carraca que tiñamos por vehínculo!

-Ti me tes por parva ou que? Ben sei que non temos coche, pero se agora collemos o costume de vir ás festas no Blablacar, eu me poño o avisador na orella e cando me fale a muller, dígolle ao tipo: «Reduce, que alí está a pasma», e quedo coma unha señora.

-Sabes o que che digo eu? Merca o que che pete, que xa terás tempo de lamentalo.

E aló que foi a Filo na compaña da Vanesa por ver se atopaban o chisme.

-E eu mirarei tamén por se viñeron os bikinis da tempada outono-inverno -di a moza.

Aquilo foi demasiado pró Pelúdez, que chouta de inmediato:

-Se vedes tamén paus de golf, mercádeme catro ferros e unha madeira, que non podo vivir máis tempo sen eles!

Os restantes fomos ata San Marcos onde había a sesión vermú dos DJS chamados Seven Airwaves Lugo Baila!

-A música paréceme moi ben, pero no me u pobo temos o costume de escoitala cun vermú entre as mans.

Dese xeito foi por uns vasos e volveu con eles cheos. Brindamos e o home vai collendo facilidade na fala e dificultade na lingua.

-E que temos hoxe no pograma? Sinto no copo que pode ser un deses días no que todas as miñas cartas son trunfos.

-Pois ás oito e media desta noite -di o Peludeciño-, actúan os Mambo Jambo, que son uns cataláns moi bos e que lle van gustar porque fan unha música de anos atrás, con versións modernas, unha mestura de rock&roll e rhythm&blues, unhas pingas de mambo, ritmo surf e moito swing.

-Xa entendo, o que se di un disco.

-Algo semellante.

-Moi ben, pois collo eu o micro e cántolles as dos sesenta, as dos setenta e mais as dos oitenta, que en todas esas festas estiven en primeira liña e relémbrome dos jís-parades coma se fose hoxe.

-O malo -di o fill -, é que as cancións destes non teñen letra. Son instrumentais!

-Ah! Pois moito mellor. Daquela é imposible que me esqueza de ningunha.

Como non era festa, xantamos de convite e Pelúdez botoulle ao corpo tres ou catro vasos de viño mal medidos de tal xeito que aos postres quería convencer aos presentes de que se o mellor cienfalópodo era o que se comía no interior de Galicia, a mellor carne de tenreira tiñase que xantar en Foz, Ribadeo, Viveiro e por aí.

-É a lei dos contrapostos. Por iso en Moscú non coñecen a ensalada rusa; por iso os bollos suizos foron inventados nun café da rúa Alcalá de Madrid e por iso os que máis fanse os suecos somos nós.

-E ti como sabes tantas cousas?

-Eu son un tipo instruído que le as follas do calendario e moito máis.

Xa case sen tempo chegamos á Praza de Santa María e Pelúdez meteuse no backstage onde estaban os músicos e díxolles:

-Como vostedes non teñen vocalista e como eu tampouco canto un carallo, póñome de diante, fago que fago e todos contentos.

O incríble é que os tipos aceptaron.

Comentarios