Se non fose para chorar

Se o roubo do ‘Códice Calixtino’ non fose un asunto tan grave, poderiamos rir escoitando as declaracións de moitos persoeiros entrevistados por mor do espolio. Como mostra, un exemplo digno do mellor Pero Grullo: «Quien queira que fuese sabía como chegar a él y, si no, lo averiguó». Só faltaría que o levasen sen saber como; mais, no cúmulo de despropósitos, tamén cabe que a desaparición se deba á maxia e alguén, nas antípodas, se sorprendese ao velo saír dunha lámpada como Aladino ao xenio.

Co exemplar que se gardaba na catedral de Santiago, o máis valioso de cantos se conservan segundo os entendidos, non desaparece da terra o contido do libro, sen dúbida o máis importante. Tampouco é o único ‘códex’ medieval desta obra. Hai outro na Biblioteca Histórica da cidade de Salamanca, así como na Biblioteca Vaticana e na Biblioteca Británica. Non digo isto para lle restar importancia aos feitos. É evidente que se trata dunha xoia de valor incalculábel. Mais semella que o que máis interese esperta na xente é a altísima cotización que tería no mercado o códice, a confundir unha vez máis valor con prezo.

Díxose que o códice desaparecido é á literatura o que o Pórtico da Gloria á arte. De seguro que fomos moitas as persoas que recordamos as palabras de Castelao: «¿Como chamaríamos a un home que consentise o derrumbamento do Pórtico da Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer un idioma: obra de arte insuperábel, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co esprito do noso tempo». Coa primeira noticia da desaparición, fronte aos esperados espaventos, xa se me viñera á mente a comparación coa pouca alarma que esperta en moitos galegos e galegas a política de acoso e derrubo que o actual goberno da Xunta está a levar a cabo coa nosa lingua. A lingua, como é sabido, non se pode cuantificar en euros e seguramente ese é o motivo do desprezo.

Eu lin a ‘Guía del peregrino medieval. («Códex Calixtinus»)’ en edición de Millán Bravo Lozano, o xa falecido catedrático de Filoloxía na Universidade de Valladolid que pasou parte da súa xuventude en Lugo, un dos mellores especialistas no Camiño de Santiago. Un día destes volvereino ler. Teño a sospeita de que moita da literatura antigalega posterior pode ser resposta ao afán do autor medieval, a ponderar as belezas de Galiza e o carácter civilizado dos galegos fronte a fealdade de Castela e os bárbaros costumes sexuais dos navarros daquel tempo, por exemplo. É posíbel que as retesías que tiveron espazo na literatura popular, tanto na castelá como na galega, ou en representantes tan notábeis ao longo de séculos como Góngora ou Rosalía de Castro, cadaquén tirando para a casa, arrinquen deste libro.

Comentarios