Se mañá é o Domingo das Mozas, o lóxico é que hoxe sexa o Sábado dos Mozos

A familia colle camiños diferentes, espallados ante a oferta musical
A muiñeira
photo_camera A muiñeira

OLLANDO prás tecedeiras no parque de Rosalía viña un recendo de cienfalópodo que o home enfociñaba como fan os cans de caza cando coidan discernir un rastro.

-De hoxe non pasa... -di polo baixiño matinando nas casetas.

A Filomena está moi interesada nos Corazóns Artesáns e pregunta as cousas máis insospeitadas, como por exemplo:

-Aféctalle ao cesto se o metemos na auga un día de treboada?

Ao que elas non saben que respostar.

-Arrecontranícese un intre e deixe á muller que argalle -ordéame o Pelúdez-. Quero facerlle un reflexionismo por se vostede tamén pensa o mesmo ca min.

-Son todo orellas.

-Levo días dándolle a matraca e non me saen máis contas cas que lle vou expoñer. Penso eu que se agora fan listas electorais gramalleira, un home, unha muller, un home, unha muller... ou biciversa, tamén deberían aplicar o conto ás festas, non si?

-Non albisco onde quere chegar.

-Pois é ben meridiano, se mañá é o Domingo das Mozas, o lóxico é que hoxe sexa o Sábado dos Mozos. Festas gramalleira! E se me apura vostede moito e di que as femias han ir de diante, polo que sería aconsellable que pasado fose o Luns dos Mozos, heille dicir que non. Como teño todo ben estudado, por activa e por pasiva, non pode ser o Luns porque moitos anos, cando cadra domingo o día 12, xa remata o pograma e non hai posibilidade cronométrica de facelo. Concorda comigo?

-Concordo. O caso é que concorde tamén a corporación.

-Voullo comunicar á alcaldesa esta tarde no Ensino. Direille que o pode tomar coma se fouse cousa súa, é dicir, como se fose un Tema de Lara.

-Logo é de Maurice Jarre.

-Non meta a máis xente no invento, que cando moitos escaravellan, a pataca non prende.

-Perda coidado. O Jarre leva morto seis anos.

-Mellor.

Como era o día do Ferrol, o Peludeciño estaba emperrado en que foran tomar o polbo á mugardesa, pero o pai púxose fero e non deu o brazo a revirar.

-Por aí si que non paso. Ben sei que é un prato saboroso, pero por moito que sexa unha xornada departamental, tomalo á mugardesa sería coma unha herexía. Coma se na Festa da Filloa alguén pide unhas crepes.

Co viño que levaba o Pelúdez, no Festival de Cultura Tradicional de Cantigas e Frores, colleu un traxe de galego e arrincouse cunha muiñeira. A xente fíxolle roda.

Cando remata entre aplausos, toma a palabra e di:

-Podo prometer e prometo que máis cedo que tarde, en tal día coma hoxe celebraremos o Sábado dos Mozos e teredes que agradecermo pola mediación institucional realizada. Hip!

A muller mira pra el con cara de basilisco.

-Non dicías que ías deixarlle a Lara o prontagonismo?

-Dixen, pero tamén dixen que morrería solteiro e xa conto os netos por parellas.

-Aos meus fillos non os encerelle nas súas toleadas políticas -protesta a Vanesa-, que eu quero levalos limpos de po e pallas ata a adultez, por se lles peta adicarse á función pública.

Polo serán, entre que se viña auga ou non, houbo división de opinións, coma nos touros. A Vanesa tíñao claro.

-Por min podedes perder o tempo contando as pedras da muralla, ou os coches cun capicúa na matrícula, pero servidora marcha axiña pra coller sitio no concerto dos Aurin, que xa houbo rapazas que pasaron a noite ao fresco coa fin de ter primeira liña de escenario.

O seu home non está consonte e di o Peludeciño:

-Diso nada. A min non me quita ninguén de escoitar aos Sinistro Total, que son da miña xeración e compartimos inquedanzas.

A Filomena engade máis dificultades ao plan.

-Pois a min chamoume a Maruxa de Monterroso pra dicir que por nada do mundo perdese aos Gues Sai Estouro, que son do mellorciño que existe hoxe no panorama melómano. Iso, sen contar Arrythmia e más A penúltima.

Pelúdez, que era o único que non falara, dá o seu parecer.

-Sabedes que vos digo? Ide cadaquén cos vosos cantistas, que eu tiña pensado seguir coas charangas polas rúas, botando un grolo aquí e outro acolá, e daquela no hai disturbios.

Aceptaron. Cada un colleu o seo camiño e eu fun escribir, que aínda tiña todo o traballo pendente.

Comentarios