Luchando por hacer historia

Lucía Pérez, no último ensaio antes da final.
photo_camera Lucía Pérez, no último ensaio antes da final.
Lucía Pérez non terma das ganas que ten de subir ao escenario, de que chegue a «definitiva». Das arrincadeiras leva as mellores impresións. Se hoxe todos os astros se aliñan para que a súa proposta sexa a que máis gusta a xurado e 'televotantes' de toda Europa non cantará unha, senón dúas veces, 'Que me quiten lo bailao'.

LUCÍA PÉREZ compareceu na rolda de prensa guapísima (de Sara Lage e Maru Calderón?), cun vestido con flores cun ombreiro ao descuberto púxolles o corazón en bandeixa aos eurofans: «O mellor de Eurovisións sodes vós; a mellor experiencia que levo e o contacto convosco». Aplausos na sala.

«O agarimo que me dan diariamente dáme forzas para cada ensaio e para os días con axendas máis apretadas, para os días nos que me veño abaixo», asegurou onte a coroada raíña do Euroclub de Heinrich Heine Allee.

Ademais de ter unha lembranza para a súa parroquia, Lucía Pérez ten aos seus pés a un enviado especial da radio australiana que xa se interesou pola galeguidade da primeira filla de Breogán que vai a Eurovisión por España e que onte lle preguntou: «Non lle darás o trofeo ao xogador do Madrid Sergio Ramos se o levas para España, non?». Ella, riu coa brincadeira e respondeu: «Non, por suposto que non!!!».

O cuarto de hora cronometrado da rolda de prensa non deu para moito, pero si para outro incondicional de Lucía Pérez na figura dun xornalista de Macedonia que lle enviou os seus mellores desexos, alabou a súa actitude positiva e case que censurou a idea de batacazo de moitos colegas españois seus. «Honestamente, como cres que isto vai mudar a túa vida ou a túa carreira?» A artista luguesa non moveu neste punto o seu punto de vista habitual: «As portas abertas, a experiencia enriquecedora»; a apelación ao carácter bregador que a caracteriza desde a 'Canteira de cantareiros' de 'Luar' hai xa oito anos. Non era case unha adolescente; era unha adolescente. Onte, un equipo da TVG fixo que a xornalista Laura Casares contactase en directo con Xosé Ramón Gayoso desde o Esprit Arena de Düsseldorf.

Lucía Pérez di que non está para apostas nin farrapos de gaita e insiste en que non perde o sono polo resultado. Un reporteiro de ESCDaily pregúntalle como leva esa bipolaridade de xenerar entusiasmos que a sitúan como gañadora e tamén pesimismos demoledores.

Ela sostén que non lle dá demasiada importancia e semella sincera. «ó quero deixar unha boa imaxe do país ao que represento e de min mesma». Comentan algún integrantes da delegación española que está especialmente radiante nos últimos días. Quizais porque xa ten onda ela a súa nai, Encarna Vizcaíno, ou porque hoxe chegaron para segundo ensaio o seu mozo, os primos e o presidente do seu club de fans.

É tan desmesurada a dimensión de Eurovisión que este último, o focego Juanra Vázquez, explica que se ten que aloxar en Colonia por non haber sitio en Düsseldorf.

SON E VENTILADOR

Lucía comentou onte que non estivo especialmente cómoda co son no primeiro ensaio con vestiario. Tal vez iso motivou o xesto lixeira e inusualmente serio da cantante do Incio ao que se referían os máis avezados observadores do certame. Algúns deles, por certo, conseguiron coas súas críticas furibundas que Federico Llano, o xefe da representación española, anunciase onte na rolda de prensa que se van cambiar os fondos Led durante a actuación da representante de RTVE; e é que o cromatismo das primeiras probas non gustou moito.

Así mesmo, o eurofan galego Óscar Cabaleiro aprezou durante o ensaio aberto do serán de onte un toque de ventilador, case unha brisa. Semellaba que a representante húngara sería a única diva de ventilador logo de que Dana Internacional non acadase o pase, pero pode non ser.

De calquera xeito, a galega foi das máis vitoreadas do ensaio no Esprit Arena e, na sala de prensa, algúns dos voluntarios reproducían a coreografía de Lola González mentres aparecía a inciega de fucsia nas pantallas.

Contan aos máis asiduos ao Euroclub que o movemento do brazo a ritmo de «uouououo» está a ser un exitazo por estes pagos en horario nocturno.

A artista non esquece os avós en ningún momento. Mesmo animouse a enviarlles unha mensaxe a través de El Progreso: «Queridos avós; estou feliz de darvos alegrías e espero que na distancia esteades disfrutando coma min aquí. Cerebrarémolo axiña todos xuntos pase o que pase. Non fagades nervios, que eu vou estar tranquila».

Lucía Pérez sae no posto 22, no mesmo no que Lena cantou o 'Satellite' o ano pasado e gañou. Os máis cenizos lembran que a última vez que Alemaña organizou un festival foi a dos '0 points' de Remedios Amaya, pero a do Incio vai cargadiña de talismáns. Non é a única, por certo: o corso Amaury Vassili que canta por Francia leva pendurada do pescozo unha figa de acibeche cuspidiña ás que venden os prateiros de Compostela.

Con ou sen amuletos, a galega cantará logo de Islandia e antes de Ucraína, que presentan dous temas máis relaxados ca o festivo 'Que me quiten lo bailao', que poderá así cumprir a súa función de deixar en Düsseldorf a frescura e a ledicia dunha noite de verán.

Comentarios