Se isto non se amaña, rock!

palas2-c-2.JPG
photo_camera palas2-c-2.JPG

Se hai algo que caracteriza a oferta cultural da época estival son os festivais de verán. De feito, a presenza destes eventos tense incrementado notablemente nos últimos anos. Pero, nesta ocasión, teñen un reto por diante: lograr saír ilesos da recesión económica que ameaza a súa propia supervivencia.

O primeiro obstáculo co que se enfrentan é o da financiación. E é que o sector ten que botar man da calculadora para que lle dean as contas. Deica Management e Nordesía son dúas productoras musicais que coñecen ben a situación e ambas coinciden ao afirmar que existe unha redución orzamentaria. "Os concellos non poden manter o nivel de inversión de anteriores edicións", comenta o coordinador de Deica, Xulio Vázquez.

Pola súa banda, o director xerente de Nordesía, Quique Costas, apunta que o recente cambio político en Galicia deixa cousas no aire, xa que "supuxo un tempo de baleiro nun organismo que ten unha conexión directa co patrocinio de festivais como é o Xacobeo".

Víronse afectadas incluso citas coa magnitude do Festival do Mundo Celta de Ortigueira, que reuniu a primeira fin de semana de xullo a 100.000 persoas. O responsable de prensa do certame apunta que o orzamento tivo un reaxuste importante, ao pasar dos 700.000 euros de 2008 aos 600.000 este ano. Con todo, Chema Corral insiste en que a organización fixo todo o posible para que a rebaixa económica non mudase os sinais de identidade do festival, como son a gratuidade total dos servizos ou a calidade artística. "O importante é que o público non o perciba de xeito substancial", engade confiado.

Á baixa
Outro dos efectos que está a ter a recesión na organización de festivais fai referencia á contratación. Neste sentido, Quique Costas apunta que, en comparación con anos anteriores, rexistran unha "contracción no volume de negocio que pode andar en torno ao 20 por cento". Mentres tanto, dende Deica, sinalan que perciben un menor volume de traballo que outros anos, ata cifrar nun 40 por cento a baixada do número de contratos.
Por outra banda, a crise tamén acentúa a renegociación á baixa dos cachés dos artistas. Nesta liña, Costas argumenta que na actualidade se "traballa menos sobre a base do prezo pechado, que é o que era común antes". Ademais, o coordinador de Deica considera que realmente "iso pasa en momentos de bonanza e en momentos de crise".
Con todo, puntualiza que traballan con artistas máis ou menos asentados e cun público estable, de xeito que non acusan moito deste problema. Xulio Vázquez asegura tamén que máis que baixar cachés, estalles custando nunha maior medida o feito de atopar concertos.
Pero sen dúbida, a maior consecuencia á que temen os organizadores de festivais é a posibilidade de que o evento non chegue a celebrarse. E é que á crise se suma outra circunstancia; a da competencia. Nos últimos anos tense incrementado de xeito extraordinario a oferta deste tipo de acontecementos. A conxugación de ambas pode derivar na suspensión do evento.

E este último extremo tense materializado no calendario festivaleiro galego en máis dunha vez. Xa en 2008 non se celebrou unha das citas históricas dos festivais de rock do país, o ‘Rock & Motos no Camiño’ de Palas de Rei, que tampouco este ano encherá o mercado gandeiro da vila ulloá.

Outros festivais que se botan de menos no estío galego son a Foliada de Lalín, que chegou a contar cunha actuación sorpresa de Manu Chao, ou o ‘Festichán’, celebrado no espazo natural do Chan de Arquiña, en Moaña.

Neste sentido, o coordinador de Deica non dubida en afirmar que case todos están en perigo: "O 90 por cento dos festivais tiveron polo menos problemas para saír adiante". Mentres, Corral confía en que o de Ortigueira, pola súa tradición, historia e un público fiel, non corra perigo no futuro.

A celebración de festivais de verán é algo que caracteriza a toda a xeografía galega. Non hai límites territoriais e tampouco estilísticos. A música é do máis variada, dende o reggae ata o rock, pasando pola clásica ou o pop. Segundo datos do ‘Anuario de Estatísticas 2007’, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, na comunidade existen máis de 60 deste tipo de eventos.

Consolidados
O evento máis consolidado é, sen dúbida, o de Ortigueira, que este ano chegou á súa triséximo primeira edición. Tamén na banda do folk e das músicas de raíz máis ou menos mestizas, o Festival de Pardiñas, que se celebra na parroquia homónima do municipio de Guitiriz, chega este ano ao seu aniversario número 30, baixo o impulso da asociación cultural ‘Xermolos’.

Peregrinaxe musical
O primeiro fin de semana de agosto os ‘folkis’ peregrinan ata o concello coruñés de Zas, onde se celebra a Festa da Carballeira, con máis de 25 anos de historia ás súas costas. Trátase dun dos festivais de música folk máis importantes de Galicia e, por suposto, un dos máis veteráns. Unha festa do máis actual, que non renuncia ao carácter enxebre das romerías.

Sen cambiar de provincia —pero si de estilo—, na Coruña tamén se enmarca outro destacado festival. Trátase do Foundation Reggae Festival, que contará coa actuación, entre outros, da banda portuguesa ‘Kumpania Algazarra’, o vindeiro 5 de setembro.

Asimesmo, Muros acolle, entre o 7 e o 8 de agosto, o sétimo ‘Castelo Rock’. A idea xurdiu en 2003, cando os hostaleiros decidiron tentar reactivar a zona de movida. ‘Boikot’, ‘Machina’ e ‘Gatillazo’ será algunhas das actuacións desta cita.

Tamén foron os hostaleiros, neste caso das terras ourensás do Barco de Valdeorras, os que lle deron pulo ao ‘Son de Meiga’, que programa do 23 ao 25 de xullo 72 horas de música cañeira: ‘Sepultura’, ‘Rosendo’, Reincidentes’, ‘Def con Dos’ ou ‘Siniestro Total’.

Máis pouso ten Festigal, dous días de actividades en torno as celebracións compostelás do 25 de xullo nos que gozar do mellor da denominada world music.

Pontevedra veu nacer outra das propostas máis innovadoras, ‘Cantos na Maré’. O Festival Internacional da Lusofonía é un proxecto cultural pioneiro e exclusivo no estado español, creado para trazar a través da lingua, da música, dos ritmos e dos sons un mapa común entre os territorios da lusofonía que comparten raíces. Veremos se este ano ten continuidade.

Do 7 ao 8 de agosto, Vigo, que programa algún dos concertos máis internacionais do verán, muda de rexistro para acoller o rock máis xenuino, da man de grupos como ‘Hamlet’, ‘Amon Amarth’ ou ‘Stravaganzza’.

Mais non todo é música no atlas dos festivais. Deste xeito, co ‘Mundoclown’ varias compañías encherán de vida e humor as rúas de Vigo, con espectáculos para todas as idades. Outro exemplo é ‘Reperkusión’, que combina música e circo en Allariz e que traerá a Emir Kusturica. As opcións para elixir son interminables e o único requisito as ganas de troula, que para algo é verán.

Rock & Motos no Camiño: o veterán non chegou a vello
Unha das citas rockeiras con máis soleira en Galicia foi o Festival Rock & Motos no Camiño de Palas de Rei, que desapareceu o ano pasado, tras doce edicións. (Na foto, a edición do ano 1999.)

O ‘Rock & Motos’ foi o primeiro festival rock consolidado no país. A receita foi sinxela: rock con músculo e unha concentración moteira. A asociación cultural ‘No Camiño’ deulle pulo a este festival polo que pasaron Rosendo, ‘Dover’ —en Palas cobraron 150.000 pesetas; en Lugo, tres meses despois, 3.000.000—, ‘Los Enemigos’, ‘Reincidentes’, ‘Los Ilegales’, ‘Barricada’, ‘Hamlet’ ou ‘Boikot’. Incluso, a prestixiosa banda sueca ‘Backyard Babies’.

Víctor Vila, integrante da organización que argallou esta cita rockeira asegura que acabaron "queimados" e que viviron momentos de "moitos apuros". "Grazas á anterior Dirección Xeral de Turismo e ao Xacobeo liquidamos as débedas e decidimos deixar o festival nas mans de quen quixera organizalo. E semella que ninguén quixo", di Vila. Tamén engade que, co tempo, houbo falta de apoio institucional e certo desinterese da hostalería local. "O Camiño medrou moito, e prefiren pechar ás 23.00 horas para dar almorzos ás 6.00 da madrugada".

Víctor Vila conclúe que mataron o ‘Rock & Motos’ antes de que esmorecese. "É unha mágoa que xa non o haxa, pero tamén un descanso non ter que pasar eses apuros", conclúe.

Comentarios