Se fora certo

LORNA E MARGARET son dúas colegas británicas que coñecín a semana pasada por motivos de traballo na Universidade de Vigo. Cando as vin a primeira hora da mañá no hotel estaban particularmente contentas: os medios de comunicación viñan de anunciar o cese do ministro de educación do seu país. Qué terá este cargo que acaba por queimar a quen pasa por el. Hai que admitir que o sector non é doado. De feito, no caso español a maioría dos que ocuparon esa carteira no goberno fóronse pola porta de atrás. Non importaba a súa valía nin a súa actitude, máis ou menos conciliadora. Para ser sinceros, non é sinxelo contentar a alumnos, profesores, asociacións de pais, bispos e gremios varios. Por poñer un exemplo, Maravall, considerado como un dos ministros máis de esquerdas da democracia, foi acurralado polos sindicatos de estudantes, tamén de esquerdas. Outras figuras máis discretas, como María Jesús Sansegundo ou Mercedes Cabrera foron vítimas da artillería amiga, desde o seu propio partido. Seguramente por iso, o Partido Popular xa ten ensaiado varias veces poñer á fronte do ministerio a figuras recias, que rematan por dar a sensación de ser provocadoras. Unha delas foi Pilar del Castillo, hoxe en día eurodeputada e da que case todo o mundo se ten esquecido. A outra, Esperanza Aguirre, sigue de actualidade; é irrepetible. Á marxe da súa capacidade xestión, que uns encomian e outros desmenten, é unha muller que se define por si mesma. Por exemplo, cando dixo que Franco era medio socialista, ou ao escusarse nunha roda de prensa coa arroutada de que ela non fai declaracións se non calza zapatos de tacón. Tanto desconcerto creou no ministerio de educación que Aznar acabou por botar man dun home tranquilo como Mariano Rajoy, para que puxera paz. Este apenas estivo ano e medio no cargo, porque aínda tiña por diante ser tamén ministro da presidencia (dúas veces), do interior, portavoz do goberno, vicepresidente e, finalmente, presidente. Nesa altura, elixiu a Ignacio Wert para ocupar o mesmo despacho da rúa Alcalá que fora seu tempo atrás. Non se sabe se o nomeamento foi unha aposta por resolver os problemas do sector ou unha vinganza soterrada, un xeito de castigar a todo un colectivo con fama de difícil. O feito é que Wert ten cumprido o papel de castigador á perfección, artillando un discurso entre ultraliberal e neoconservador. Un perfil igual ao de Michael Gove, o ministro inglés que ven de ser cesado. Mentres tanto, en España aínda se están a poñer velas para que, na próxima remodelación de goberno, Rajoy teña piedade e designe a alguén que máis que crear problemas no eido educativo, os solucione. Pero quen manda, manda.

Comentarios