Saudade divirte aos pequenos

A asociación de mulleres rurais de Momán organizou a terceira edición da Festa do Noso Futuro con xogos, inchables e petiscos

A asociación de mulleres rurais Saudade de Momán logrou un ano máis o seu propósito. A Festa do Noso Futuro foi unha xornada inesquecible para os máis pequenos da casa, os auténticos protagonistas dunha cita xa consolidada, que tamén lles permitiu aos maiores voltar a ser nenos por un día.

O campo de fútbol da Veiga converteuse nun pequeno parque de atraccións con inchables, colchonetas e xogos cooperativos de todo tipo, que fixeron as delicias dos preto de 40 nenos chegados dende distintas parroquias de Xermade e doutros municipios limítrofes que participaron no evento.

Ita Animación e Galiocio foron as empresas de animación encargadas de preparar as actividades para os asistentes, que tamén gozaron dun obradoiro de pintacaras e doutro de globoflexia.

Ademais, por grupos, tiveron que sortear diferentes obstáculos en probas nas que tamén participaron activamente algúns pais, que gozaron e se divertiron tanto ou máis que os nenos.

A xornada completouse cunha merenda para os cativos e con petiscos para os maiores, ademais de animación musical e mesmo un ‘photocall’, onde os presentes puideron inmortalizar unha festa que gaña seareiros en cada nova edición.

Como novidade con respecto aos anos anteriores, os asistentes puideron desfrutar en familia dunha representación teatral. A compañía Alentía Teatro foi a encargada de poñer o broche de ouro á xornada coa peza ‘Manantial de fantasía’.

A directiva da asociación Saudade amosou a súa satisfacción polo éxito da cita, que conta coa colaboración do Concello de Xermade e da Deputación Provincial de Lugo. «Pasámolo xenial. Estamos moi contentas e esperamos seguir así moitos anos máis», dixeron.

Comentarios