Martes. 21.11.2017 |
El tiempo
Martes. 21.11.2017
El tiempo

A sarriá Yolanda Díaz será homenaxeada polo seu traballo a prol de Galicia

Yolanda Díaz (dereita), xunto a Elvira Pallares e Mónica López
Yolanda Díaz (dereita), xunto a Elvira Pallares e Mónica López
A sociedade La Unión acolle o día 16 o acto de recoñecemento a esta muller que defendeu a cultura e a causa galeguista na emigración

A sarriá Yolanda Díaz Gallego recibirá unha homenaxe o vindeiro día 16 na sociedade La Unión polo seu traballo a prol de Galicia e a súa longa traxectoria en defensa da cultura e da causa galeguista, primeiro dende Uruguai e máis tarde en Barcelona. O Concello de Sarria é o promotor deste recoñecemento, co que pretende poñer en valor a figura dunha das súas veciñas máis senlleiras.

"Os motivos desta homenaxe son varios. Primeiro porque é sarriá, e tamén porque se trata dunha muller galeguista que destacou nun mundo de homes e traballou na defensa de Galicia durante a ditadura dende a emigración, onde se atopaba a Galicia ideal que dicía Castelao", explica o tenente de alcalde, Efrén Castro. 

O concelleiro lembrou tamén a longa etapa de Yolanda Díaz á fronte do Fogar Galego O Penedo na Cidade Condal, unha entidade que presidiu durante 26 anos. Ademais, foi unha "das persoas claves" para que se producise a irmandade entre Sarria e o distrito barcelonés de Sarriá, engadiu.

A homenaxeada, que sempre se mantivo moi vinculada ao seu concello natal, tivo palabras de fondo "agradecemento" por este acto, que se celebrará nunha sociedade (La Unión) á que se sente moi unida dende sempre.

PROXECCIÓN DUN VÍDEO. Nesta histórica entidade comezarán os actos ás oito da tarde do vindeiro día 16, durante os cales se proxectará un vídeo elaborado para esta ocasión no que se recolle a traxectoria de Yolanda Díaz. Tralas distintas intervencións, servirase unha cea para a cal xa están á venda as entradas ata o día 14 na sociedade La Unión, o hotel Alfonso IX e no propio Concello.

Yolanda Díaz, nada en Sarria no 1934, interesouse dende pequena pola cultura e a educación. Iniciou os seus estudos na vila e rematou Peritaxe Mercantil na Coruña. Con só 19 anos emigrou coa súa familia a Montevideo, onde comezou a traballar no Banco de Galicia, sendo a única muller entre 126 homes e chegando a ocupar o posto de secretaria xeral.

Durante os 25 anos que viviu en Montevideo estivo implicada coa causa galeguista e mesmo viaxou a outros países para entrevistarse con políticos e intelectuais galegos no exilio. Colaborou tamén intensamente no programa de radio Sempre en Galiza —que aínda se segue emitindo— e participou na fundación do Patronato da Cultura Galega en Uruguai.

No ano 1978 instalouse coa súa familia en Barcelona, onde mantivo o seu activismo cultural. Presidiu o Fogar Galego O Penedo e dirixiu o grupo de teatro Zarabanda. O seu traballo foi tamén recoñecido polo Centro Galego de Barcelona, que lle impuxo unha das súas medallas.

Yolanda Díaz volta cada ano á súa vila natal, onde nos últimos meses impartiu varias conferencias, unha delas dentro do programa Vivas e visibles, destinado á recuperación da memoria histórica das mulleres de Sarria.

A sarriá Yolanda Díaz será homenaxeada polo seu traballo a prol de...