''A Sarria le falta un auditorio y una programación cultural''

A escritora sarriana Marisa Núñez compaxina a literatura co traballo na editorial Oqo e o ensino en Cangas do Morrazo, onde vive dende hai 24 anos. A Sarria da súa infancia inspíraa para os seus contos e da vila actual bota de menos unha maior actividade cultural.

¿Que recordos garda da Sarria que a viu marchar hai 24 anos?
Sigo bastante vinculada á vila. Dela boto de menos o río, as árbores, a xente... Sarria ten que ver coa miña literatura porque foi a paisaxe da miña infancia, das emocións e sentimentos. Ten que ver con varios contos. Algún está completamente inspirado nela, coma ‘Celestino Tarambainas’, que ten lugar no norte, aínda que non di onde, e iso para min estando aquí, en Cangas do Morrazo, é Lugo, Sarria. A inspiración parte dun frautista que aparecía na Rúa Maior no equinoccio de verán. É unha mestura das miñas vivencias.

¿Que cree que fai falla na vila?
Fáltalle un auditorio, unha programación cultural que nunca tivo realmente, que a xente se afaga a ter unha cultura dende a infancia. Sarria sempre foi unha alternativa de copas, nunca houbo unha alternativa, unha actividade cultural. Non hai teatro, danza, nin cine.

¿En Sarria naceu a súa paixón pola literatura?
Gustábame escribir, pero o meu irmán escribía mellor, polo que era por rivalidade. Era apaixoada da literatura, pero irregular. Gustábame máis experimentar ca natureza. Antes había oportunidade de crear espazos naturais, agora os nenos coa televisión convértense nun receptor pasivo.

¿Como comezou a publicar libros infantiles?
Ten moito que ver coa miña profesión como mestra de infantil, que foi cando comecei a valorar os contos e deime conta que os cativos aprendían moito máis con eles. Empecei a traballar en edición, dirixía unha colección, e sentíame obrigada a publicar, pero dábame pudor. Empecei na literatura por oficio e tamén por necesidade. Tes cousas dentro e buscas camiños para expresalas e pola proximidade cos nenos. Escribir para cativos é complicado e fágoo con moita responsabilidade. Cando un libro teu é recoñecido no exterior é como chegar a Sarria cun agasallo debaixo do brazo. A literatura pode subvertir a orde das cousas, tamén é unha arma.

¿Para escribir literatura infantil debe volver a súa infancia, meterse na mente dun neno?
Debes recuperar a infancia, poñerte nesa idade, recuperar as claves simbólicas, o contacto coa natureza, as sensacións.

¿En que se basa para escribir?
Na experiencia. Ten que ver máis co intimismo, buscar camiños fantásticos para expresalo. Hai unha parte de creación, pero tamén de adaptación dos clásicos, investigar en libros doutras culturas, rebuscar as raíces, o fío común. Sempre pretendín aportar algo persoal, ser novidosa con algo clásico.

¿Cal é a importancia das ilustracións nun libro infantil?
Cando eu comecei apenas se investigara a ilustración, apenas había álbums, a súa creación é bastante recente. O ilustrador é un creador, un cómplice. O álbum é un diálogo entre dúas expresións, tanto poder debe ter a imaxe coma o texto. Xa levamos uns anos nos que os nenos tamén aprenden a ler as imaxes.

¿En que proxectos traballa agora?
Estou traballando con proxectos doutras persoas, o que non quere dicir que deixe de escribir. Interésame a editorial, na que levamos inmersos case cinco anos nos que publicamos cen títulos e cousas que nun principio eran moi novidosas. Apetéceme explorar noutros territorios, como traballar con músicos. O editor ten que ter dereito a arriscar, facer cousas novas. En cada libro buscas novos territorios.

¿A literatura infantil tamén pode ser para adultos?
A boa literatura infantil é literatura. A literatura infantil vai asociada á sencillez. A boa literatura infantil é a que tamén é para nenos, que chega ós seus códigos, que poidan entendelos. A boa literatura infantil é a que non se desgasta, que sempre pode ensinar cousas novas.para núñez un conto é  fundamental na aprendizaxe e é capaz de traspasar fronteiras.

¿Se unha persoa le de neno será un adulto lector?
Segurísimo. Hai que darlles libros coma quen lles dá de comer. Intentar poñer bos libros e vai camiñar cos libros, vai expresarse mellor e é activo na lectura, non coma coa televisión, non é un receptor pasivo. Non só que lean senón que tamén escoiten. A palabra transmitida a través dun conto o cativo sempre a escoita. E sempre digo, os lectores de hoxe son os produtores da cultura de mañá.

¿Un libro escrito aquí pode ser lido por un neno de Corea ou Turquía?
Chamábame moito a atención que un conto contado cunha clave daquí puidérase traducir. Por exemplo, os meus contos ‘Celestino Tarambainas’ e ‘Ratón Tom e rata Tomasa’ foron traducidos a outros idiomas. Os contos son universais, utilízanse ferramentas que están presentes na literatura de todo o mundo. Ó investigar na literatura universal ves que é moi similar.

Comentarios