Sarria e o río

CANDO EN 1999 se anunciou no Parlamento de Galicia o proxecto de construír a Cidade da Cultura, María Pilar García Negro, deputada do Bloque, manifestou a oposición do seu grupo argumentando que Compostela tiña atractivos dabondo, sen precisar dun reclamo que hipotecaría por moitos anos os orzamentos da Consellaría de Cultura. Profetizou o desfase do presuposto, o custo desorbitado do mantemento daquela estrutura e o absurdo dunha obra cuxos contidos ou destino non ficaron claros en ningún momento. Razoaba que o noso patrimonio arquitectónico se estaba a esboroar por falta de atención ao largo e longo do país. E levounas por babor e por estribor, porque mesmo algúns dos que terían que defender o acordo da organización en que militaban, asubiaron e miraron para outro lado diante das críticas a ela dirixidas. A día de hoxe poucos terán dúbidas de a quen asistía a razón.

Venme isto á memoria ao escoitar como se lles chama pseudointelectuais a persoas que, desde a ‘Plataforma Sarriana polo Río’, piden que se paralicen unhas obras que non aseguran a solución do que é un vello problema, o asolagamento de certos espazos.

Propóñense, a Confederación Hidrográfica e o Concello, domesticar o río, poñerlle, tal a un cabalo unha piega, unha armadura de cemento. Mais un río non é unha tubaxe, é coma un organismo, portador de moitas máis cousas que auga: paisaxe, ecosistema e historia, cousas, xa se sabe, que só nos preocupan aos pseudointelectuais e aos axitadores de toda caste.

Vanse gastar 6,7 millóns de euros en 300 metros de río, boa parte en cuestións ornamentais que seica non evitarán o asolagamento das zonas que tradicionalmente sofren as enchentes. Vanse destruír tres pontes e paralizar a vila durante ano e medio. Vanse, máis unha vez, dilapidar os cartos europeos como se fosen o maná que cae do ceo e non hai que reintegrar. Non aprendemos da experiencia nin a golpes de crise porque, por desgraza, a memoria é fráxil e o sentido común escasea. Sigamos sen ter para pan e mercando estampiñas, que iso é o asisado, sobre todo cando disparamos con pólvora do rei.

Non son enxeñeira e daquela ignoro cal sería a intervención pertinente. En Caldas, por exemplo, construíron un gran muro que non semella ter rematado co problema. Talvez o primeiro sexa manter limpas as canles. Tamén as árbores xogan un papel importante porque interceptan a auga da chuvia. En todo caso, non se esqueza que o río, igual que o mar, sempre reclama o seu espazo e non é doado poñerlle cancelas.

Tampouco á xente disposta a defender o seu: Sarria, río de ríos, disque. Benia a ela por acreditar na forza da razón e da loita pacífica. O tempo xulgará.

Comentarios