Sarabullo musical

CÓNTOO TAL COMO MO CONTAN. Escoitouse na radio que en Italia, un imán islámico levou ao xulgado o centro de ensino onde a sua filla cursaba estudos, porque se negaba a aceptar que na clase correspondente, a cativa tivera contacto coa música occidental, por decilo convencionalmente. Seica o estrito praticante da doutrina de Mahoma entendía que un cuarteto de Mozart, un oratorio de Bach ou unha sinfonía de Ralph Vaugham Williams, contaminaban os ouvidos do seu xermolo, ou quizais xulgaba os arpexios, pasaxes e anacrusas como simples disonancias para a sua concepción da arte, ou a esta en si mesma como diabólica. Vaite ti a ver! Pero tan sorprendente como a denuncia foi a sentenza: non se dispensaba á alumna de acudir á clase, pero podía optar por poñer uns tapóns nos ouvidos, manobra da que se responsabilizaba aos proxenitores. Así mesmo, a avaliación da asignatura limitaríase somente aos aspectos teóricos da música. Resulta realmente dificil que a Sua Señoria entendera tan ben unha cuestión tan sumamente complexa, seguindo a senda do xuízo de Salomón, e igualmente que tan estricto observante da ortodoxia musical propia, como o referido imán, aceptase que sendo pecaminoso escoitar a Haydn —e xa non digamos a Paganini—. xulgase como inocuo observar as notacións musicais nun pentagrama, ou sexa que nen a vista nen a memoria son ocasións de pecado pero si o é o ouvido; en suma, unha verdadeira novidade no eido da moral.

Pero non residenciemos os dislates culturais sempre da mesma banda. Hai uns anos, non moitos, o director Daniel Barenboim actuando en Jerusalén decidiu inxerir ao remate do programa un fragmento da ópera ‘Tristán e Isolda’, de Richard Wagner, rachando deste xeito cunha especie de tradición que consideraba inaxeitado interpretar música do autor alemán en Israel. A peza executouse e foi aplaudida, pero houbo quen abandonou a sala, seguindo a suxerencia de Barenboim que convidou a facelo a quen se sentira ofendido. Pero tamén provocou reaccións airadas. O director do Centro Simón Wiesenthal, que se dedica á localización e persecución de nazis, acusou ao director de ‘violación cultural’. Naturalmente todo o mundo sabe que Wagner morreu medio século antes de que Hitler chegara ao poder, pero o feito de que a sua música fose utilizada polo aparello de propaganda nazi, converteuna nunha especie de tabú para os xudeos.

Claro que, falando de excesos no ámbito da música, tampouco se pode esquecer a sonada Revolución Cultural na China comunista: erguendo coma se fose unha biblia o ‘Libro vermello’, os revolucionarios prohibiron a música de Beethoven, de Mozart e de Bach. Pero o capítulo é enciclopédico. Desde a censura aplicada a Prokofiev baixo o realismo socialista soviético, até a praticada na radio española á música lixeira durante o franquismo.

Comentarios