Santiago Lago: "Se Galicia e o resto de comunidades pactan un cupo tipo vasco... quen pagará?"

Economista da UVigo e director do Foro Económico e do Grupo GEN, o Parlamento escolleuno para representar a Galicia na comisión de expertos que elaborou un informe para o debate do financiamento autonómico que se vai abrir en España. Nel, detecta posibilidades para a comunidade, aínda que recoñece que un acordo global será "complexo"
Santiago Lago (Vigo, 1971)
photo_camera Santiago Lago (Vigo, 1971)

Como se lle pode explicar á xente de forma comprensible algo tan complexo como o financiamento autonómico, para que saiban o moito que se xogan no debate?
Explicalo ben é moi importante. Nun país tan descentralizado como España, para un cidadán galego a Administración máis relevante a nivel de servizos públicos é a autonómica, que é a referente en sanidade, educación, dependencia, transporte, medio rural... Nas mans do Estado están servizos clásicos como as pensións, a defensa ou as relacións exteriores, pero iso quédalle algo lonxe á xente. E o eido municipal é importante, pero non ten a trascendencia do autonómico. Os servizos autonómicos son fundamentais, de aí que haxa que financialos ben. E para iso precisamos un sistema ben deseñado e que achegue recursos suficientes. Ese sistema debe conciliar dous obxectivos: a autonomía para decidir se podo subir impostos cando preciso máis recursos e a nivelación.

A que se refire con nivelación?
Sería a solidariedade, pero a min gústame máis falar de nivelación. Significa que se teño unha comunidade cun nivel de renda baixo, aínda que lles pida aos meus cidadáns máis esforzos cos impostos, os cartos non me van chegar, e por iso lle pido ao Estado que me nivele recadando fondos noutras partes do país máis ricas. Con autonomía e nivelación os servizos públicos terán un nivel semellante en toda España.

Vostede sostén que o actual sistema é un quebracabezas feito con pezas que non sempre encaixan. En verdade é posible contentar 17 territorios tan distintos?
É complicado, para nós e para todos os países federais que se preocupan pola nivelación. Nos EE.UU., por exemplo, téñeno máis doado porque non hai esa solidariedade, pero aquí xorden problemas ao abordar esa nivelación, porque no resto de asuntos o acordo é sinxelo. Politicamente é moi difícil e moitos dos países teñen ese debate. Os estados descentralizados teñen máis autonomía, diversidade e son máis ricos, pero tamén son máis complexos.

De feito, apuntan a que unha das claves do novo sistema debe ser que simplifique o actual.
En España non cometemos grandes erros na descentralización, pero é certo que temos que seguir axustando. Pasamos de ser os máis centralizados aos máis descentralizados nun curto espazo de tempo. O que fixemos é espectacular! O que ocorre é que no camiño foron aparecendo desaxustes, como o citado de non introducir un mínimo cando descentralizamos os impostos de patrimonio ou sucesións, un problema que agora hai que solventar. Temos que mellorar, axustar, pero non cometemos disparates e temos que estar contentos co conseguido.

No caso español, a anomalía do sistema foral de Navarra e Euskadi xa é un mal punto de partida, non?
Cando se redactou a Constitución a xente foi moi capaz e escribiu un texto pensado para suscitar consenso e anticipar o desenvolvemento socioeconómico dos vindeiros 40 anos neste país. O que fixeron é admirable, pero nunca pensaron que se chegaría a este nivel de descentralización e que as autonomías serían tan relevantes. Infraestimaron que un sistema foral puidese xerar diferenzas tan grandes como as actuais, por iso é unha distorsión. Pero aquí convén diferenciar entre o sistema foral, que o aceptamos, e a aplicación dese réxime, que aí é onde si se pode actuar doutro xeito para que sexa máis razoable e xusto; é dicir, que as achegas do cupo do País Vasco e Navarra sexan maiores.

"É extremadamente difícil chegar a un acordo porque Cataluña ten demandas distintas e non está aberta a negociar"

"A UE non ten ningún mecanismo nivelador como España, por iso a pensión dun galego é moito menor que a dun danés"


Hai quen defende un sistema así para Galicia e hai quen di que nos prexudicaría. Vostede como o ve?
Iso témolo moi estudado e é doado de entender. Se Galicia fose quen ela soa de ter un modelo foral, sen que as outras 14 comunidades do réxime común cambiasen, e negociase condicións tan vantaxosas como as actuais de Euskadi, seguramente Galicia non perdería. O problema non é ter cupo ou non, senón que se ti o queres, moitos outros o van querer. E se de súpeto todos temos cupo, quen paga? Ese é o problema. Os modelos confederais como o cupo non teñen en conta a nivelación. Pensemos na UE, que é unha confederación e os fluxos son irrelevantes. Por iso España ten peores pensións e prestacións por desemprego que un danés, porque non existe a solidariedade interterritorial. Pero a sanidade dun galego non é peor que a dun madrileño, porque si existe. O que non se pode pensar é que ti podes pedir un cupo como o vasco en condicións vantaxosas e os outros 14 territorios queden igual e che paguen a ti as cousas.

É necesaria unha harmonización de impostos para evitar a competencia fiscal entre autonomías?
Sabemos pola teoría e tamén por experiencias como as de Canadá e Australia que os impostos de patriomonio non son bos candidatos para descentralizarse, porque se un territorio pon os tipos en cero os máis adiñeirados vanse mover cara a aí porque lles sae ben economicamente. Se descentralizas tes que impoñer uns mínimos, que serán os que o conxunto considere mellores, xa que se non os hai basta que unha comunidade rebaixe o imposto a cero para capturar a todos os contribuíntes. Aquí danse dous debates: un é se deben existir impostos de patrimonio e de sucesións e doazóns; e outro é que se decidimos descentralizalos temos que fixar mínimos porque senón, na práctica, moitas veces acaban desaparecendo.

"Ter autonomía cos impostos non é só para subilos, senón tamén para poder baixalos"


Unha das propostas estrela do informe dos expertos é o Ive colexiado. Que beneficios achegaría?
Nestes momentos no Ive as comunidades participan nos recursos pero non na xestión, non poden decidir se é máis alto ou máis baixo. O que se di no informe é que poidan ter esa capacidade, aínda que sería colectivamente por acordo de todos, xa que a UE non permite un Ive distinto dentro de España, salvo en Canarias como rexión ultraperiférica. Entendemos que é unha opción que tes aí. Se tes un problema puntual de falla de recursos, hai unha ferramenta para conseguilos, unha vez lle expliquemos aos cidadáns que necesitamos máis para sanidade ou ensino e que imos subir o Ive ou os impostos especiais. Iso é máis maduro e máis democrático que pedirlle unha transferencia ao Gobierno central. Nos concellos por exemplo faise iso: súbense e báixanse os impostos e taxas. Pois esa madurez que hai no eido local hai que incorporala a nivel autonómico. ¡Ollo! Non estamos a falar de subir impostos senón de que se o precisas, pódelos subir, pero tamén os podes baixar.

Subir impostos ten un custo que os políticos non queren asumir.

Por iso tesllo que explicar moi ben aos cidadáns.

Tamén fala o informe de introducir a taxa turística nos concellos.
É unha opción boa con dous beneficios, recadar máis e alixeirar zonas moi masificadas. Entendo que ao Concello de Boimorto lle traerá sen coidado isto, pero ao de Santiago ao mellor non.

Os impostos ambientais son algo relativamente novo, pero parece que chegaron para quedar, non?
En España empezouse a falar deles hai uns dez anos, pero hoxe xa os temos: nos de hidrocarburos a xustificación vén por aí, temos o de contaminación atmosférica, os impostos sobre hidroeléctricas... Son tendencias internacionais de fiscalidade, nas que se recomenda implantar estes tributos e baixar outros como o IRPF. Son posibilidades que están aí. Cousa distinta é o imposto sobre bebidas azucaradas, que non é ambiental senón de saúde. Estivemos a piques de implantalo pero como a recadación mellorou, quedou aí.

Os expertos falan de moitos impostos e parece que todo vai ao peto do contribuínte. Recuperouse o suficiente a economía como para ter unha maior presión fiscal?
Hai que aclarar unha cousa importante: cando se fala de pedir máis autonomía fiscal para as comunidades, é autonomía tanto para subir como para baixar. Por exemplo nun concello poido aplicar a taxa turística e baixar o Ibi, para que paguen máis os turistas e menos os veciños.

"Os cataláns teñen un balance fiscal negativo, como Madrid. Os impostos que soportan son maiores que os gastos dos que gozan"

Tamén abren vostedes a porta a introducir os copagos, unha figura que non goza de moi boa sona.
É certo que ten mala fama. É outra posibilidade, pero eu persoalmente non soi moi partidario dela, sobre todo cando se fai en función da renda. Ter posibilidades non quere dicir que as uses, quere dicir que as tes e que podes xogar con elas. O interesante é que podes ofrecer un menú fiscal distinto; que ti teñas máis comida na neveira non quere dicir que a vaias comer toda xunta, senón que podes preparar máis platos e máis variados.

No que parece que hai acordo é en que o avellentamento da poboación gañe peso no reparto.
Iso é favorable para Galicia, porque a idea é que se teña en conta o sobreavellentamento. Dúas comunidades temos un 10% de maiores de 65 anos, pero deles, na miña a metade pasa dos 75 mentres que na túa só o 20%, por iso eu teño que recibir máis ca ti. Cousa diferente é o espallamento poboacional, xa que no novo modelo quedaría pendente de como se definise a variable para computalo, o cal podería ser prexudicial para nós.

"Os cataláns pagamos máis do que recibimos". É unha frase recorrente cando se fala de financiamento autonómico. É certa?
Sen ningunha dúbida. Os cataláns teñen un balance fiscal negativo, como Madrid. Os impostos que soportan son maiores que os gastos dos que gozan. E en Galicia ocorre o contrario.

Despois deste traballo e de coñecer as visións doutros territorios, é vostede optimista sobre acadar un acordo de financiamento?
Creo que vai ser extraordinariamente difícil, porque neste informe non está Cataluña, que ten demandas distintas e, probablemente, non teña hoxe a actitude negociadora aberta que tivo no pasado. Vai ser difícil o acordo, sobre todo integrando a Cataluña. Este informe axudará a centrar o debate e chegar a acordos, pero insisto en que será difícil, moi difícil.

Comentarios