Santiago Cadahía: ''Quero mostrar que a vida no agro é tan digna coma outra''

A destreza coa que leva o seu John Deere polos camiños de Insua xa deixa claro que Santiago Cadahía non se arruga con facilidade. Tanto é así que este veciño de Taboada deixou a vergonza detrás da porta da casa e presentouse a un concurso de televisión para buscar moza. Santiago, de 23 anos de idade, leva xunto co seu irmán máis vello unha explotación de 120 cabezas de vacún na parroquia de Insua San Xulián. Convive cos seus pais e ademais de encargarse do gando traballa unha viña. Aberto e tirado para diante, como o definen os seus amigos, a súa última aventura consiste en presentarse ó programa de televisión Granjero busca esposa, que emite a canle Cuatro e presenta Luján Argüelles. Cadahía xa pasou a primeira selección do certame e nos próximos días decidirase se é un dos seis que pasa á seguinte rolda: a da convivencia con dúas rapazas para tentar atopar nunha delas a súa media laranxa.

Por que decidiu presentarse a un programa de televisión para buscar parella?
A verdade é que ó primeiro foi cuestión dunha aposta cuns compañeiros. Case que me retaron a presentarme e eu son dos que se apunta a todo. Depois, cando xa me chamaron para vir gravar a Taboada xa me plantexei seguir porque podía ser unha experiencia nova e moi divertida. Tamén o vin coma unha oportunidade para dar a coñecer a vida no rural e o traballo que facemos os gandeiros e agricultores. A visión que ten a xente deste mundo non se corresponde coa realidade e eu quero demostrarlle a toda a sociedade que ésta é unha vida tan digna como calquera outra. En España ten que cambiar a imaxe do sector primario. En países coma Francia ou Alemania danse conta de que a agricultura é a base dunha sociedade porque é a vía para alimentarse e iso tería que ocorrer tamén aquí, pero desgraciadamente, esto está moi infravalorado.

Xa tivo un primeiro contacto coas  cámaras e xa se emitiu un primeiro programa. Como foi a experiencia?
Ata agora foi suave. Desprazouse un equipo aquí a gravar e pasamos unhas horas xuntos. Ensineilles a zona, o río e esas cousas, pero non houbo nada máis. Se paso á final terei a oportunidade de convivir con dúas rapazas e, do contrario, non pasa nada, pero chegados a este punto gustaríame seguir. De todas formas a televisión tampouco é para tanto, é unha cousa máis.

Poñamos que é un dos seis que continúan, organizou algo para eses posibles días de convivencia coas candidatas?
A verdade é que non tiven tempo a nada. Estes días hai moito traballo porque estamos preparando a terra para sementar o millo e tampouco paro moito. Pero a miña idea é mostrarlles o que se fai aquí e tamén ensinarlles a zona, este paraíso de tranquilidade onde vivo.

É dicir, que lles vai tocar traballar?
Un pouco claro que si. Aí está o segredo do día a día nunha explotación. Está claro que non van ter que facer nada complicado porque a granxa está bastante mecanizada e, salvo dar sulfato na viña, xa non hai traballos forzosos. Pero tamén poderán descubrir a liberdade que dá traballar na túa propia explotación, onde dirixes a faena un pouco como queres. A miña idea é, se elas poñen interese, ensinarlles todo o que poida e nos dea tempo.

Santiago Cadahía, en su tractor (Foto: Toño Parga)

Con 23 anos e buscando moza na televisión, pensando xa en asentar a cabeza ou é que en Taboada non hai rapazas?
Con dicirche que a miña anterior relación durou catro anos... Ó mellor son un pouco burro nese aspecto, pero a min nunca me gustou o ‘picoteo’. Se estou ben con alguén, para adiante.

Que motivacións cres que poden ter as túas candidatas para acercarse a Insua?
Pode ser que só queiran vivir unha aventura ou coñecer a unha persoa como amiga. Aínda que o ideal sería que viñeran aquí porque eu lles transmito algo e unha vez coñecido isto algunha se plantexase quedar. Ese é o obxetivo do programa e a min tamén me gustaría que pasase iso.

E se a cousa fose ó revés, se vostede tivese que irse para a cidade?
Eu non me presentaría. Vivín en Lugo varios anos e a cousa é totalmente diferente. Aquí hai unha liberdade e unha pureza incomparables. Eu estudei Bacharelato, aprobei a selectividade e fixen dous ciclos superiores, pero ó final decidín quedar aquí porque isto  me gusta. Estou ben no pobo, aquí falo cos veciños, teño os amigos a un paso e iso non ten prezo. Se queremos festa tamén a temos, imos a Monterroso, a Chantada, Ourense e Melide. Pero na cidade nin coñeces ó veciño de arriba. Anque claro está que se chega unha rapaza e queda a vivir conmigo aquí eu tamén respectaría que ela tivese que ir a traballar á cidade. Se ela respecta o meu traballo eu respecto o dela.

Xa coñecería os demais granxeiros. Como está a competencia, hai posibilidades?
Moi dura. Está complicado. O problema que temos os máis novos é que ó mellor as rapazas da nosa idade non lles apetece unha relación, independentemente do tema da vida no campo, coa nosa idade non é común pensar en ter parella. Pero eu quero aclarar que non poño límites na idade das miñas candidatas.

Os amigos, a maiores de perder a  aposta, igual o envexan un pouco pero, que di a familia?
Os amigos xa din que se me chegan moitas candidatas que eles están aí dispoñibles, que non me esqueza deles. Sobre a familia tamén ben, teño o seu apoio incondicional e no caso concreto do meu irmán conto con todo o seu respaldo. Supoño que os veciños tamén están contentos, non deixa de ser curioso que un veciño deles saia en televisión.

Comentarios