Un programa que incluye partido de fútbol benéfico

Santaballa recorda o 16 o seu pasado migratorio coa sétima Feira Indiana

A xornada contará con demostracións de artesanía, xogos populares, música e unha comida, entre outros actos
Eduardo Vidal, con membros da Liga Santaballesa, caracterizados de indianos na presentación da cita
photo_camera Eduardo Vidal, con membros da Liga Santaballesa, caracterizados de indianos na presentación da cita

A parroquia vilalbesa de Santaballa botará a vista atrás un século para recordar o seu pasado a través da Xornada sobre Migracións Indianas, que o vindeiro sábado 16 de setembro alcanza a súa sétima edición, coa previsión da asistencia dunhas 2.000 persoas.

A Feira Indiana, promovida pola asociación cultural Amigos da Liga Santaballesa, contará cun amplo programa de actividades, con música, un xantar popular, xogos tradicionais, demostracións de artesáns e postos de venta de produtos da zona.

Todo isto co obxectivo de "recordar a eses indianos que emigraron e aportaron economicamente a favor de bens para a comunidade", explicou o presidente da entidade, Isidro Cillero, que considera ademais que é unha "obriga como veciños e herdeiros destes bens comúns recordalos e facerlles unha homenaxe".

Cillero apuntou tamén que esta xornada ten unha importante parte cultural, na que se trata de "recordar uns tempos pasados que queremos ter presentes". "Pretendemos, ademais de facer actividades, dar a coñecer a emigración, por qué se emigraba, cómo e o que significou na nosa historia. Así, haberá visitas guiadas á escola e mostras fotográficas e etnográficas para que se vexa a vida daqueles anos", engadiu, ao tempo que animou aos asistentes a acudir caracterizados con roupa da época, de principios do século XX.

Na presentación da Feira Indiana, que se celebrou na Liga Santaballesa, tamén estivo presente Eduardo Vidal Baamonde, en representación da Deputación Provincial, que achega 2.000 euros a esta cita e promove, a través do Centrad, unha demostración de olería.

O deputado de turismo destacou o traballo desenvolvido pola asociación vilalbesa para "crear sinerxias na parroquia e dinamizar social e economicamente o concello e a comarca chairega".

Comentarios