Santaballa desentraña su pasado

Recreación de varios oficios tal e como se facían a principios do século XX. ROCA
photo_camera Recreación de varios oficios tal e como se facían a principios do século XX. ROCA

Os movementos migratorios marcaron a historia, a demografía e a socioloxía de Galicia en varias etapas do século XX e deixaron tamén a súa pegada na comarca chairega. A Liga Santaballesa traballa desde hai tempo na recuperación e posta en valor da súa escola habanera, xa centenaria, e foron varios os actos nos que se lles rendeu homenaxe ós emigrantes da parroquia vilalbesa de Santaballa. Os veciños foron este fin de semana un paso máis adiante, organizando as primeiras Xornadas sobre Migracións e Indianos, nas que as conferencias, os documentais e unha recreación da vida en 1916 foron os principais reclamos.

O historiador vilalbés Xosé Luis Novo Cazón foi o encargado de impartir a charla inaugural, na que falou da situación de Galicia e Santaballa na época da fundación da Liga, nos últimos anos do século XIX e no primeiro tercio do XX. «En Santaballa resúmense moitos dos aspectos da historia de Galicia daquela época», asegurou.

Así, falou do desenvolvemento poboacional da zona, o sistema agrario, os impostos, o paso dunha gandería extensiva a unha intensiva e outras características dunha economía de subsistencia na que chegou un momento no que «non quedaba outro camiño que a emigración».

«Os emigrantes non só fixeron esta escola, senón que mandaban cartos para pagar impostos ou apeiros de labranza. Por exemplo, nesta época tamén se acomete unha pequena mecanización coa introdución do arado de ferro, o cal custaba cartos e para mercalo seguramente tamén se usarían cartos da emigración», explicou Novo Cazón.

O historiador vilalbés tamén destacou a «cultura da educación» que houbo sempre en Santaballa, xa que «mentres se construíu este edificio da Liga, xa funcionaba como escola». As outras charlas versaron sobre os movementos migratorios na Idade Moderna, os movementos migratorios galegos e as remesas culturais da emigración.

Xa pola tarde, decenas de persoas, tanto nenos como maiores, todos ataviados con roupa de principios do século XX, participaron nunha recreación de diversos labores e oficios de 1916, como o carpinteiro, zoqueiro, afiador, ferreiro, canteiro... Tampouco faltaron os xogos tradicionais galegos, os gaiteiros e unha merenda popular.

Clausura

As primeiras Xornadas sobre Migracións e Indianos de Santaballa continuarán na mañá de hoxe coa conferencia, de 12.30 a 13.30 horas, do escritor Xosé Neira Vilas, titulada ‘A experiencia migratoria’. A continuación, proxectarase o documental ‘Lembranzas da infancia, recordos da escola’, que terá unha duración aproximada dunha hora. O acto de clausura celebrarase ás 14.30 horas.

Comentarios