Á Santa Palleta crécenlle os devotos

A cuarta edición desta particular foliada contou con pasabares, obradoiros, procesión, sorteo de agasallos e música sen descanso
Inicio da procesión de Santa Palleta
photo_camera Inicio da procesión de Santa Palleta

Devotos, fieis e festeiros uníronse un novo ano para honrar á Santa Palleta, a particular patroa dos músicos ponteses á que lle van crecendo os seareiros, tras cumprir a cuarta edición da súa particular celebración, que non deixa indiferente a ninguén.

Como xa marca a tradición, esta cita, argallada por No Cómbaro, Os Trevillas, O Garabato dos Trasnos, Canavella, Os Suplentes, Axóuxere, Alfaia, a escola municipal de gaita e percusión e Os Feroces da Galgueira arrincou cun pasabares pola vila coa Santa Palleta, que foi paseada cun medio de transporte construído para a ocasión.

Mentres, durante a sesión vespertina, no Lar de Endesa, desenvolveuse un obradoiro de baile impartido pola asociación cultural Buxainas de Cedeira, que precedeu aos concertos deste ano, no que se subiron ao escenario unha ducia de agrupacións locais e tamén foráneos.

Grupo Electrógeno, Canavella, Os Trevillas, Os Choupanas, María, Alcacer, Ghaspalleiros, Quenindiole, Axóuxere, Os Sobraos, grupo Nós e No Cómbaro tocoulles nesta ocasión animar aos asistentes, que gozaron do momento álxido do programa coa procesión da Santa Palleta.

Nun percorrido pouco solemne, con moito cachondeo e ganas de festa, pero ao que non lle faltou nin un só detalle, os fieis e devotos desta particular santa camiñaron tras dela polo exterior do Lar, a golpe de vítores, gaitas e pandeiretas.

A continuación, o poeta local Aníbal Anxo Rodríguez Requeijo foi o encargado de pregoar esta cuarta edición, que continuou sen descanso e moita música tradicional ata vén entrada a madrugada.

E é que os seus promotores xa anunciaban os días previos que esta cita, que serve para poñer o broche de ouro ás foliadas que se promoven cada último venres de mes durante todo o ano no Lar de Endesa, ía a ser unha gran festa. E como cabía esperar, non defraudou.

Comentarios