San Federico

TAL DÍA COMA O DE HOXE no ano 1959 o ciclista toledano Federico Martín Bahamontes proclamárase gañador do Tour de Francia e era aquela a primeira vez que un español lograba tan importante fazaña deportiva. A min collérame o evento nunha vila levantina do interior á que fora dar nunha das miñas xeiras facendo autostop e que era a de residencia do condutor do automóbil que me recollera á saída de Albacete. Daquela o 18 de xullo era festivo e alí, polo visto, celebrábano con bastante pomposidade (ou igual é que a efeméride cadraba coas patronais do lugar e esa era a causa de que estivesen os balcóns engalanados, que grilandas de papeis de colores enfeitasen os postes da luz, que non parase o estrondo de petardos e foguetes e que no palco da música estivesen, xa contra o solpor, as forzas vivas da localidade arengando aos veciños que agardaban na praza o comezo do baile. Un crego gordo de sotana, un sarxento da Garda Civil, dúas ou tres señoras de mantilla española, algunhas rapazas ataviadas co roupa semellante ás das ‘falleras’ que se vían no NO-DO e un home alto, delgado, totalmente calvo, vestindo traxe escuro e gravata azul que era quen levaba a voz cantante e que eu supuxen que era o alcalde. Había, supoño, máis xente no palco pero eran estes quen levaban toda a miña atención.

Os aparellos da megafonía non eran moita cousa, como correspondía aos tempos, pero entre chirlos a asubíos íase entendendo o que a través dun aparatoso micrófono berraban os que ían facendo uso da palabra: o calvo para salientar canto de patriótica tiña aquela vitoria en terra de gavachos en día tan significado, o moito que o labor do Réxime tiña que ver para que aquilo sucedese e mesmo a feliz case coincidencia de segundos apelidos entre o «glorioso Caudillo» e a «Aguia de Toledo» mentres o sarxento e mais as señoras de mantilla afirmaban enerxicamente coa cabeza. E todos a aplaudir. Despois o señor cura, procurando non interferir demasiado no dito polo alcalde, levaba a cousa a paraxes máis celestiais insistindo en sinalar co dedo índice da man dereita a páxina pola que estaba aberto o libro do que termaba coa esquerda mentres repetía unha e outra vez que aquel era o día no que a Igrexa festexa a san Federico e iso era algo que non permitía dubidar nin un segundo da transcendental axuda que o ciclista recibira desde estancias sobrenaturais. E as señoras, o sarxento e agora tamén o alcalde dando adiante e atrás á cabeza. E todos a aplaudir outra vez.

Eu procurei un lugar no que deixar en confianza a miña mochila e volvín ao baile convencido de que, despois dos argumentos alí esgrimidos, o feito de que o meu primeiro apelido fose igual ao do gañador do Tour debería reforzar considerablemente as miñas posibilidades.

A verdade é que non fora así. Se cadra as rapazas da vila aquela non tiñan costume de lles facer moito caso aos seus persoeiros...

Comentarios