sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Samaín contra Halloween: con un pie en el otro mundo

«Como que Halloween? Pero se é unha tradición da miña infancia!». Estas palabras -máis ou menos- dedicoullas o mestre de Cedeira Rafael López Loureiro á súa filla hai uns 25 anos, cando lle veu co conto de furar cabazas e usalas como luminarias, logo das San Lucas e antes de Santos. Por este tempo, vaia.

Isto non é Salem, Massachusetts. Nin falta que fai.

Como «pai, artista e mestre», López Loureiro conxurou o propósito de que a tradición de tallar cabazas volvese á noite galega: «Que se saiba que non é unha tradición americana, é un costume europeo que permaneceu en Galicia».

López Loureiro acuñou o nome de Samaín, emparentado co Samhain irlandés que chegou a Estados Unidos para mudar en Halloween. Samaín é unha palabra que comparte a raíz xermánica do topónimo do municipio lugués de Samos -segundo a pescuda do pai Sarmiento-, no significado, en ambos os dous casos, de asemblea, reunión ou xuntanza.

A xeografía luguesa do Samaín é moito máis extensa.

Que na súa vila, parroquia ou lugar nunca tal se fixo? Rafael López Loureiro sostén que en moitos sitios non se lles daba unha nomenclatura específica ao costume de tallar curcubitas, un froito que en Galicia pode ser cabaza, calabazote, calivera, caveira, calacú, mangueta, melón dos porcos..., segundo en que sitio poña o pé.

E a que vén iso de facerlle ollos e boca a unha cabaza e poñerlle unha vela dentro? Pois segundo estudos de Anne Ross, investigadora do celtismo na universidade de Oxford, vén sendo unha simboloxía dos cranios dos inimigos derrotados. «Para os celtas e os castrexos, as batallas non eran máis ca colleitas de cranios. Ata Obélix colecciona cascos nunha simboloxía directa!», apunta López Loureiro.

Aquí admítense referencias que poden ir ata a lenda do xinete sen cabeza (ou cabaza?) -a do filme ‘Sleepy Hollow’, de Tim Burton-, presente en toda Europa. Tamén, ao deus guerreiro Bran, un habitual na toponimia galega que antes de morrer lles pediu aos seus homes que levasen a súa cabeza canda si para soterrala na casa.

Quizais polo espírito belicoso do conto, a cabazas tiñan que ser roubadas das hortas de outros, para manter a idea de seren arrebatadas pola forza; unha idea que hoxe, iso si, estará tipificada como furto no Código Penal.

Sexa como for, isto víñase facendo no ano novo que hai un par de milenios e pico, antes do cristianismo, cadraba a medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno. Era o inicio do tempo escuro, da estación fría. Marcaba a fin das colleitas... e facíase na honra de Lug, o deus prerromano de nome sospeitosamente semellante ao da cidade que Paulo Fabio Máximo fundou como Lucus Augusti. Sóalles?

Na Mariña de Lugo, ao igual ca na Ferrolterra e o Ortegal coruñés, non chegou a extinguirse o costume de tallar cabazas. López Loureiro documenta en Quiroga -e tamén nalgún municipio de Ourense- a conexión entre Samaín e Entroido: as cabazas baleiradas en vésperas de Todos os Santos empregábanse como máscaras no tempo de Don Carnal.

No Samaín abre a porta do outromundo e os habitantes do aquén e do alén poden andar da man e mesmo manter unha amigable charla. Os vivos elaboran agasallos para os mortos. Os arquivos sinodais de Mondoñedo recollen que no século XVI os nenos pedían castañas polas portas ao se achegar Todos os Santos.

Á voz de truco ou trato?

Trinidade de castañas, calacús e remolachas

A cabaza, en todas as súas denominacións, é a forma vexetal omnipresente no tempo de Samaín/Halloween. E non só pola iconografía chegada do cinema estadounidense, senón tamén polo seu valor culinario. Malia que en moitos lugares se desbotou a súa cualidade para alimentar humanos, a cabaza forma parte de caldos e guisos nos territorios dos Ancares e resulta un produto reposteiro de primeiro orde; e non só polas curcubitas de cabelo de anxo das tortas de Mondoñedo (O Rei das Tartas, Alianza) ou Riotorto (Irma). No Morrazo son célebres por estas datas as chulas de calacús e a tarta de mangueta, similar á torta de queixo fresco. En Cedeira son famosas as papas de melón (dos porcos) do bar Ramón e en Lugo, o restaurante Colón de Nadela recuperou a tradición de distintos puntos das provincia de facer os chourizos ceboleiros con cabaza.

O magosto e as castañadas

As castañas tamén fan Samaín. Os magostos constitúen a derradeira festa que se celebra ao aire libre antes da estación das tebras e cada froito é a ánima dun defunto. Seica. En lugares coma A Mariña, Rafael López Loureiro sitúa a tradición de elaborar rosarios de castañas para levar aos camposantos.

Xermade, sitio distinto

En Cabreiros, parroquia do municipio chairego de Xermade, as cabazas ceden o protagonismo a outros vexetais como remolachas ou nabos, cos que se elaboraban unhas bonecas a xeito de xoguete rústico, segundo as investigacións de Rafael López Loureiro.

Queres pasar unha noite de medo?

O Samaín é unha cita que está a prender nos galegos moi novos a través das actividades escolares. Rafael López Loureiro, mestre de escola, ten elaboradas tres unidades didácticas sobre a festa das cabazas. Os que teñan fillos en idade escolar saberán xa de cantigas, festivais e escollas dos mellores froitos para decorar nos mercados.

A festa que marchaba

Ata o de agora Lugo non festexaba o Samaín, pero este ano haberá actividades tamén a carón da muralla do baixo imperio. En Galicia, comezaron as celebracións en Cedeira hai 25 anos e cada vez teñen máis adeptos a Noite dos Calacús de Pontevedra, a Noite das Cabazas de Ourense e festas que organizan os veciños dos cascos vellos de Vigo ou A Coruña.

Por aquí ao lado

A concellería de cultura de Lugo prepara por vez primeira, en colaboración coa área de cultura da Deputación e as asociacións do Arde Lucus -sobre todo as que investigan os costumes castrexos- a festa do Samaín.

Obradoiros

Haberá obradoiros de talla de cabazas e de maquillaxe o sábado pola tarde nas prazas da Milagrosa e de Augas Férreas, o domingo ao serán na Praza da Soidade e o luns á tarde, tamén na Praza da Soidade.

Véspera de Santos

Na Praza da Soidade haberá o 31 de outubro unha sesión de contos de medo e, de seguido, unha procesión de ánimas que portarán cabazas iluminadas, para logo decorar a muralla.

Iniciativas privadas

Son moitos os establecementos que aproveitan a maxia da data para facer actividades especiais. O balneario de Guitiriz ten preparado un paquete especial de Halloween. Tamén o pub La Dékada de Viveiro prepara festa.

Samaín contra Halloween: con un pie en el otro mundo
Comentarios