Salomé Pérez: ''Queremos que todos os barrios se vexan reflectidos en 'Novas'''

A xornalista Salomé Pérez (Foto: Telelugo)
photo_camera A xornalista Salomé Pérez (Foto: Telelugo)

Leva en en todas as frontes e retos laborais dende 2007, ano no que entrou a formar parte da plantilla de Telelugo. Redactora, reporteira e agora, responsable dos informativos diarios, ‘Novas’, que tamén presenta. Antes estivo á fronte doutros espazos, como ‘Agro’ ou ‘Concello, dígame’. Salomé Pérez fala do reforzo dixital que está levando a cabo o Grupo El Progreso como una grande e necesaria «ventá ao mundo».

Que considera o máis importante desta nova iniciativa do Grupo El Progreso?

É unha boa iniciativa porque está cambiando o xeito de informar aos cidadáns. Hai que aproveitar internet, sobre todo dirixido ao público máis novo, que o utiliza descargando e compartindo contidos, nesta era que chamamos a era das redes sociais. É unha ventá necesaria que os medios teñen que aproveitar para redefinirse.

Cre que tamén é necesaria esa redefinición nos contidos?

Seguramente tamén. Estamos nun momento moi especial, cucunha crise económica moi grande. O xornalismo ten que achegarse á sociedade. Este é o momento de saír á rúa, de falar coa xente. O periodismo ten que facer isto para sobrevivir.

Para tanto está a cousa?

Temos que ir pola vertente social, si, porque hai un público que pensa que se ofrece unha información sesgada.

A mala prensa da prensa, redundando.

Si, pero iso é porque a xente cre que nos alonxamos da realidade, do que está pasando.

Cantas novas cubren ao día en Telelugo?

Unhas dez, pero que non se limitan a roldas de prensa, senón a outro tipo de informacións.

Neses contidos reflíctese o enfoque social e local do que falaba?

Interésanos ir polos barrios. Polo barrio de A Ponte, por exemplo, para saber se a ponte vai ser peonil ou non... Que todos os barrios da cidade queden reflectido no informativo.

E vostede, que prefire, estar diante ou detrás da cámara?

O momento de presentar é media hora na que te podes equivocar, igual porque levas horas editando e estás canso. Son 30 minutos e a xente queda con iso. Saír á rúa é diferente. Gústame moito estar en contacto coa xente. E logo te recoñecen tamén.

Así que xa é vostede famosa en Lugo...

(Risos) Non, non poñas iso. Pero a quen amarga un doce.

Destes anos, cales noticias foron as máis importantes na súa traxectoria, as que máis a impactaron?

As macroinvestigacións, como a operación Carioca. Lembro as gardas de madrugada nos xulgados e diante de Nupel... E por outra banda, o Arde Lucus, con todo ese gran despregue informativo. Lémbroo con moito cariño.

Comentarios