Salarios decentes, soldos obscenos

OS MILEURISTAS SOÑAN CON MIL EUROS. Hai parados que fan o milagre de multiplicar panes e peixes cos 400 euros do Estado. Pensións de vergoña permiten sobrevivir con dignidade. Nóminas que se firman pero non se cobran íntegras. Soldos. Salarios que gañan o pan co suor da fronte. E outros, co suor dos de enfronte. Banqueiros con indemnizacións milmillonarias. Un tal Goirigolzarri do BBVA con 3 millóns de euros anuais. E sube o soldo de directivos cobizosos que levaron ó colapso as finanzas internacionais. A suma das pensións de 16 altos executivos dos bancos españois suman 416 millóns de euros. Esas pensións son 317 veces superior a da calquera traballador deses bancos.

É o mesmo país de bobos que despreza ós investigadores. Que ignora ós científicos. Que recorta presupostos nas fábricas de ideas, as universidades. Que esquece ós que queiman neuronas nos laboratorios. Esta xente decente acaba fuxindo dun país que paga a futbolistas como Cristiano Ronaldo 13 millóns de euros anuais, máis que ó Goberno español enteiro. A relevancia social de petar couces ó balón é infinitesimal comparada coa responsabilidade xigantesca de gobernar. O presidente da SGAE ten soldo anual duns 323.000 e unha xubilación pactada similar. Nun país que berra máis que canta e cunha cultura musical precaria, eses cartos deberan estar mellor repartidos.

Salarios de decencia, soldos de obscenidade. O presidente do Goberno gaña 92.000 euros e o líder da oposición uns 98.000. Hai presidentes autonómicos que gañan máis. Un tal Montilla cobra en Cataluña 146.000 euros anuais e o de Extremadura, meu pobre, 46.000. Os presupostos do Estado pagan uns 146.000 euros ós presidentes do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, que funcionan… como funcionan.

Hai alcaldes que aplican en carne propia o principio de autonomía municipal con soldos de desmesura: o de Mijas, Estepona, Las Rozas ou Sanxenxo van desde os 126.000 ata os 80.000. Algúns, como o de Barcelona, cobran máis que o presidente Zapatero. Unha tal Esperanza Aguirre di que chega xustiña a fin de mes cun soldo de 108.000 euros anuais. Agora enterámonos de que o noso Anxo Quintana cobra uns 8.500 euros mensuais, máis do que pagamos ó presidente Feijóo.

Salarios. Soldos. ‘Remuneración regular asignada polo desempeño dun cargo’, ou os cartiños que permiten vivir. Algo non cadra na conta da vella. A xente alporízase con números que son magnitudes e pregúntase ó servizo de quen están estes servidores públicos. Entre a lírica e a demagoxia non atopamos un xusto medio. Enriba de nós está o limbo dos privilexiados, pero por abaixo máis de mil millóns de persoas sobrevive vivindo do aire. Cun euro ó día.

Comentarios